Adoro os libros que comezan dunha forma e viran rapidamente ao lado contrario, dando unha chea de viravoltas que só un autor bo é quen de culminar con vida. Estas voltas son as que dá Alberto Ramos en A simetría das bestas, obra coa que se fixo gañador do Premio Risco de Creación Literaria e que supón todo un deleite poético para os sentidos, sobre todo para as persoas que gozamos das historias que nos remexen por dentro.
A simetría das bestas é un rara avis, se con este cualificativo entendemos todos aqueles libros que nos levan do cotián ata o máis rebuscado de nós mesmos para desde o máis fantástico explicarnos a crueza do real. Porque en abondosas ocasións, ante a chegada dunha enfermidade letal só resta a ficción, tal e como lle acontece á protagonista Caridad Verdet, a quen lle detectan unha doenza mortal que ameaza con tombar a súa vida de xeito inminente. Unha vez que sabemos desta realidade, Alberto rapidamente nos afasta para contar partes da vida desta muller imperfecta e da súa parella, moi unidas pola arte (ela é escritora e el pintor) e por esa necesidade que teñen os seres imperfectos de atopárense.
Ler A simetría das bestas supón un pracer infinito, pois a maxia atópase en cada palabra elixida e nas combinacións das mesmas, que fan de Ramos unha das grandes promesas literarias do noso país, pois é quen de escribir sobre a marxinalidade con moita mestría e cunha clara vocación social e cun corte ata filosófico. Dentro da súa brevidade atópase espazo para reflexións moi orixinais e persoais, como ese momento no que a protagonista pensa sobre os xornalistas desta forma:
“Despois, había dúas clases de xornalistas. Os que lían e os que non. E que leses non era garante de nada. Non eran formigas, non, eran máis febles; simples troncos que a barafunda arrasaba ao seu paso. Por iso, o primeiro que lanzaba a pregunta determinaba o resto de entrevistas. Irremediablemente era así, até a morte mesma do libro”.
Nótase moito a profesión xornalística do autor, especializado en xornalismo cultural, polo que no libro non escatima momentos para falar do estado da crítica (literaria, cinematográfica…) porque nos xornais “só se publicaban resumos, lugares comúns e ideas xa escritas; nunca reflexións”.
Dende logo resulta moi difícil tentar achegar todo o que me gustou este libro, que considero de cabeceira, pois fálanos da simetría pero tamén desa asimetría necesaria. Quédome con esta declaración de intencións: “en realidade, son militante da asimetría. É un atentado contra a orde, unha ruptura da realidade das dúas metades, do duplo hemisferio, da parella, do binomio. A asimetría é revolución innata. En definitiva, unha burla ao reflexo do espello”.
Ficha técnica
Autor: Alberto Ramos
Editorial: Urco
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 170