Antía Yáñez (Burela, 1991) sempre foi unha devoradora de libros. Dende ben cativa gustaba das páxinas dos libros e do que estas lle facían sentir, imaxinando que podía ser bruxa, cabaleira, viaxante no tempo, detective, ladroa de bancos e mesmo unha cruel e despiadada asasina. A aventura está moi presente na súa vida e, como non, na súa primeira novela xuvenil, O misterio de Portomarín, que escribiu pensando nas cousas que lle faltaron por ler na infancia, e na que hai homenaxes claras a personaxes que fixeron soñar a xeracións enteiras como Los Cinco.
Merecedora de varios premios literarios e licenciada en enxeñería de camiños, Antía defende por enriba de todo esa relación necesaria entre ciencia e literatura, dúas disciplinas que, lonxe de estar en compartimentos estancos, deberían estar cada vez máis relacionadas. Porque, si, é posible aprender soñando.
Pregunta (P): Como foi a xénese d’ O misterio de Portomarín?
Escribo desde que son pequena, aínda que sempre comezaba todo e case nunca remataba nada. O que máis me gustaba era imaxinar mundos máxicos na miña cabeza, pero á hora de poñelos en papel sempre fun máis ben vaga, aínda que si participei e gañei algún que outro certame local. O punto de inflexión xurdiu máis ou menos cando estaba en terceiro ou cuarto de carreira, con vinte e poucos anos. Estudaba algo que non me gustaba demasiado, e rematar traballando toda a vida niso non me atraía o máis mínimo. Lembrei canto desfrutaba lendo de pequena e, sobre todo, imaxinando, e comecei a participar en certames de relatos e microrrelatos de novo (a novela facíaseme demasiado). Gañei algún, e iso foime animando a seguir escribindo mentres remataba os estudos. Un día decateime de que seguía en Twitter a Francisco Castro, editor de Galaxia, e que, o máis sorprendente, el me seguía a min! Así que me dixen, Antía, o non xa o tes, veña, dálle. Armeime de valor e escribinlle contándolle varias propostas que tiña na cabeza para posibles libros, e el moi amablemente me dixo que a de O misterio de Portomarín lle parecía que podía ter éxito. Animoume a enviarlle os primeiros capítulos, logo a novela enteira e… aquí estamos!
E por que Portomarín? Pois porque meus avós son do concello do lado, Paradela, e sempre que iamos visitalos pasabamos por enriba do Miño e miña nai explicábame a historia do asolagamento da vila. Eu deixaba voar a mente e imaxinábame alí embaixo, buscando tesouros nas casas asolagadas, e de aí veu todo.
(P): Lemos na túa biografía que estudaches una carreira de ciencias, aínda que de cativa sempre gustaches de viaxar polos libros. Cres que a ciencia e a literatura son terreos estancos?
Para nada. De feito, a min encántame ler libros sobre ciencia que tratan o tema de xeito desenfadado e accesible para todo tipo de público. Penso que escribir sobre ciencia é, hoxe en día, algo máis necesario ca nunca: os bulos sobre pseudoterapias e demais cousas sen fundamento científico están por todas as partes e son moi perigosos. A ciencia debería ser máis accesible e hai que intentar que deixe de ser vista como algo “difícil”, para científicos ou para xente con estudos. Non, a ciencia forma parte do noso día a día, e non coñecela é sinónimo de ser enganado. Non pretendo que todos sexamos quen de entender como funciona o ADN ou de coñecer o cálculo de estruturas, pero si ter un mínimo coñecemento científico, igual que todo o mundo ten un mínimo coñecemento matemático para poder administrar a súa economía caseira. Falta cultura científica, accesible a todos os públicos, e a literatura é unha moi boa ferramenta para achegala.
(P): Temos aquí a catro irmáns e un can. Semella que estamos diante de Los Cinco, tiveches a Enyd Blyton en conta á hora de crear esta aventura?
Absolutamente. Encantábame Los Cinco cando era pequena! É a miña particular homenaxe, aínda que quería cambiar as cousas que non me gustaban daqueles libros. Enid Blyton escribiu nunca época na que na literatura infantil e xuvenil se ía con pés de chumbo e se intentaba que as crianzas non lesen sobre temas polémicos. Eu estou totalmente en contra diso: creo que todos, absolutamente todos os temas son susceptibles de ser falados cos máis pequenos, adaptando sempre o vocabulario e as explicacións á súa idade, claro. Se cando acenden a televisión ven no telexornal todo o que facemos os adultos, non ten sentido apartalos da realidade e intentar “evitarlles sufrimentos”. A historia, a política, a morte, o sexo… están no noso día a día, non ten sentido facer cos nenos e nenas como que esas cousas non existen. Por iso no libro atopan un óso humano, por iso lles falo de Franco. É unha homenaxe a Los Cinco pero cambiando todas as cousas que non me gustaban deles. Precisamente por iso me resulta tan gratificante escribir: porque podo crear os meus mundos propios, no canto de viaxar polos dos demais.
(P): Que achegan as ilustracións que acompañan o libro da autoría de Kristina Sabaite?
O máis importante que nos chegan é o entorno de Portomarín. A igrexa e a ponte son tal cal as debuxou ela, e se algún lector ou lectora vai de visita á vila rapidamente as recoñecerá. Pero, ademais, Kristina conseguiu ir máis alá do que foi a miña imaxinación, e mira que me gusta ter todo atado e ben atado. Por exemplo, cando escribía a historia non imaxinei a Sabela con gafas, e cando vin a súa ilustración pensei “claro! Por suposto que ten gafas”. Foi moi estraño, case como se a ilustradora estivese dentro da miña cabeza. Tamén lle teño que agradecer a Kristina que debuxase a Venres seguindo as fotografías que lle enviei. A aparencia física de Venres é unha homenaxe á mascota da miña parella, Chuspi, que morreu hai uns dez anos e que o acompañou na súa infancia.
(P): A homenaxe á historia das vilas e das súas xentes está moi presente. Como é ese Portomarín que describes?
Realmente eu non coñezo a xente de Portomarín de primeira man, pero si teño moito trato cos meus dous avós e as miñas dúas avoas e creei os habitantes da vila á súa imaxe e semellanza. Sobre todo exprésanse coma eles, a fala da xente maior que está desaparecendo porque as familias marchan a vivir ás cidades e as aldeas van quedando sen habitantes. O galego é moi rico, pero se non tes familiares que vivan fóra da cidade é case imposible coñecer e recoñecer os seus matices, por iso quixen que a aventura tivese lugar nun sitio coma Portomarín.
En canto á arquitectura da vila, hai que ir alí para apreciala en todo o seu esplendor. A igrexa que semella un castelo, as rúas empedradas… É case coma entrar noutra época, por iso cando vou aos colexios a falar de O misterio de Portomarín sempre lles recomendo aos profesores e profesoras que leven aos seus alumnos e alumnas de excursión alí.
(P): Tiveches algunha experiencia ou familiar achegado que se vise obrigado a marchar dunha vila tras a construción do encoro de Belesar?
Non, ningún, pero meus avós de Paradela si perderon viñas cando anegaron Portomarín.
(P): Por que te decides a escribir literatura xuvenil? Por iso que ten de aventura?
Pois realmente cando estaba a escribir a historia non pensaba en ningunha franxa de idade ao que dirixilo. De feito, o libro ten moitas chiscadelas para adultos, coma as de Los Cinco ou de Robinson Crusoe. Gústame poñerme no lugar dos personaxes, escribir para nenos falando de cousas de adultos, e para adultos desde a visión dos nenos. A idade para a que iría dirixido o libro decidiunas o editor, e pareceume que era a axeitada, aínda que creo que os adultos tamén deberían ler literatura xuvenil. Cando nos facemos maiores esquecemos o punto de vista dos menores, que foi o noso propio durante anos, e a título persoal eu ás veces boto de menos á nena e adolescente que fun. Será que aínda teño un pouco dela dentro, que cando escribía O misterio de Portomarín sentía que me dirixía a xente coma min. Desde logo, a LIX ofrece moitos máis retos que a literatura de adultos: os libros que se len a esas idades conforman dalgún xeito a persoa na que logo as novas xeracións se converterán, e iso hai que telo en conta. Educalos e que, á vez, desfruten e non o sintan como unha obriga, ten un aquel de reto que me entusiasma.
(P): Un recordo aos nosos maiores, ás xentes das vilas que engaden a maxia precisa a este mundo. Como definirías os personaxes secundarios que viven en Portomarín e que se relacionan con este grupo de aventureiros/as?
Como xa dixen, son un reflexo de meus avós e avoas, as persoas maiores máis próximas a min. Escribino pensando neles, pero hai cousas nas que nin eu mesma caera ao darlle forma ao libro. Unha lectora e libreira díxome que o que máis lle gustaba era como os rapaces e rapazas protagonistas falaban con eles, coa xente anciá, que iso xa non se facía como ela o fixera de nena. E eu non pensei niso ao escribir o libro, saíu sen máis ao reproducir como falo eu con meus avós e avoas. A escrita é case como maxia nese sentido: os lectores e lectoras son capaces de ver cousas nas que nin eu mesma me detivera a pensar cando construín O misterio de Portomarín.
(P): Como está sendo o camiño do libro? Tes pensado continuar coas aventuras dos “cinco”?
Desde logo que si; seguirán de viaxe polas vilas de Galiza resolvendo misterios. De momento, O misterio de Portomarín está na lista dos 10 libros máis vendidos de Galaxia do ano 2017, así que as aventuras destes 4 irmáns e Venres estanme a dar moitas alegrías. Oxalá veñan moitas máis!