Futuro imperfecto

“Durante a túa enfermidade empapeime de ti deliberadamente, consciente de que te perdía. Gozamos moito un do outro, lembras? Amabámonos e xa non había tempo que perder. Iso permitiunos, e soubemos facelo, amarnos sen interferencia, prioritaria e urxentemente. En moitas ocasións eu pechaba os ollos coma se iso axudase á miña memoria a fixar, a reter firmemente, coma se dun fotógrafo se tratase”.

Non hai literatura máis intensa que a propia vida. E senón que llo pregunten a Xulia Alonso, unha muller que debutou na narrativa galega cunha novela que é, sobre todo, vida, e que está ateigada de intensidade. Futuro imperfecto parte da realidade e, por iso, quizais, a súa virtude principal radica na sinceridade que del se desprende. Porque eu sempre penso que hai sentimentos que traspasan as follas e que non se poden camuflar, como é o amor.

A que naceu coma unha historia para ser contada á filla de Xulia e máis de Nico, converteuse nunha novela sobre a descuberta das drogas nas que moitos mozos e mozas caeron nos anos 80 e 90 do pasado século, como lle ocorreu á autora e ao seu marido. Este libro profunda neses anos, mais tamén nos anteriores, na infancia da autora no concello lugués da Rúa, cunha familia cunha grande forza de vontade pero nuns tempos escuros coa ditadura e a primeira democracia de fondo. Ante isto, non resulta estraño que cando decida ir para Santiago de Compostela, se atope cun lugar no que todos os soños eran posibles e a liberación podía levarse a cabo en todo o seu esplendor. Eran eses uns anos de descubertas, en todos os sentidos, e aí é onde entra en xogo a droga, desde un día calquera ata ser parte indivisible da súa existencia, e tamén de Nico, ese home que coñeceu tamén neses anos e que se vai converter no amor da súa vida.

Futuro imperfecto é un cúmulo de  lembranzas, desa dor que impregna a Xulia desde o mesmo momento en que, unha vez que crían ter a súa vida refeita e cunha filla que os colmaba de satisfaccións, ao seu marido lle descobren unha enfermidade que deteriora as súas capacidades motoras dunha forma violenta, e ante a que só resta a morte. Ante isto a autora pretende sobrevivir, saír das cinzas, da dor e tamén do amor que sente polo home da súa vida, para tentar transmitirlle á súa filla o pasado, ese pasado ateigado dun intenso amor, mais tamén de sufrimento pola perda ante o que foi e xa non será.

O lector experimenta un camiño, cando menos, obsesivo. E é que, no meu caso, dende que vin a portada, na que aparecen Xulia e Nico nunha praia de Portugal, non parei de observala cada cinco minutos axexando e pensando no efémera que é a vida, que un día pode darche unha felicidade infinita e ao día seguinte unha labazada en forma de enfermidade ou perda. Ese camiño embriagante segue coas citas que atopamos ao comezo de cada capítulo, cunha grande cantidade de referencias a Lois Pereiro, autor galego que morreu prematuramente, tamén por causa da SIDA e das drogas. E despois, esa forma de contar visceral da autora, cuxo trazo principal é a sinceridade e ese diálogo dirixido ao home e ás vivencias compartidas, e a esa filla que debe medrar coa ausencia. Unha novela que é VIDA.

Ficha técnica

Título: Futuro imperfecto

Autora: Xulia Alonso

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2010

Número de páxinas: 241

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.