A editorial Urco foi a gran visionaria da obra de María Victoria Moreno, a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018, pois aínda sen coñecer a decisión da RAG apostou por recuperar parte da obra da que xa é un dos maiores expoñentes da narrativa infanto – xuvenil na nosa comunidade. Así naceron as publicacións de A brétema e O Cataventos, contos infantís da autora que foron reeditados con ilustracións de artistas contemporáneas.
A eles engádese o libro O amor e as palabras, unha escolma de seis relatos ou contos que María Victoria escribira ao longo da súa vida para diferentes colectivos ou con motivo de diversas campañas de fomento da lectura, ás que ela sempre apoiaba co seu gran de area. Así o destaca precisamente Xavier Senín no prólogo a esta edición tan coidada e na que atopamos os relatos “Querida avoa”, “S.O.S.”, “O libro das saudades e os degoiros”, “Pan con chocolate”, “O encontro”, “O grumete” e “O amor e as palabras”. Precisamente este último é o que dá título ao volume e, tal e como se nos adianta no limiar, trátase dun conto inédito que atopou o marido da autora no seu ordenador.
Dende a propia portada, pasando pola selección dos textos, este libro é moi necesario para as persoas que queren iniciarse no coñecemento da obra da escritora que máis dará que falar este ano, mais tamén é unha boa opción para aqueles que queremos afondar noutra das súas facetas literarias, nas que coma en toda a súa produción, podemos observar os temas recorrentes: o amor, a loita a favor dos dereitos das persoas máis desfavorecidas, esa natureza que salva e ao tempo crea desasosego.
Lendo a María Victoria Moreno sempre topo cunha sensación de reconforto, como se estivese na miña casa da infancia rodeada destes seus personaxes que falan galego e que expresan as miñas inquedanzas. Por iso me identifiquei tanto coa protagonista dese primeiro relato, “Querida avoa”, que describe á avoa como “miudiña e souril que me agarda cunha cunca de caldo e unha cama mol onde tantas veces espertei oíndo o canto do galo”. O rural sempre esta aí e ela réndelle homenaxe cando pode a través das letras.
Outro sentimento como o amor entre dúas persoas de estamentos diferentes é evocado con moito coidado e mimo no relato “Pan con chocolate”, que narra ese sentimento entre un neno e unha nena que non entenden de convencionalismos sociais, tan só de xestos cotiáns.
E, sempre, á menor oportunidade, a autora aproveita para loar as palabras e a súa necesidade nas sociedades, como ocorre tamén nese primeiro relato do que antes falabamos:
“Máis alá desta soidade e deste condutor preguntón, hai outro mundo onde as palabras se mesturan coa musica do vento nas nogueiras e co rechouchío dos paxaros”.
Ficha técnica
Título: O amor e as palabras
Autora: María Victoria Moreno
Editorial: Urco Editora
Ano de publicación: 2017
Número de páxinas: 134