Somentes a poesía dispón da forza necesaria para expresar os sentimentos máis sinceros, as tolemias máis impensables, e para protestar por aquilo que nos incomoda. E por iso, ante as inclemencias dun mundo cambiante e, por que non atreverse a dicilo, un tanto intolerante, ler poesía é un exercizo de valentía. E recitala tamén.
Latexo Beat é un libro editado pola Editorial Galaxia, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, que recolle os sesenta e cinco poemas das persoas que participaron este ano no Festival Kerouac de Vigo, sen dúbida unha das iniciativas máis resistentes no eido da poesía. Nel obsérvase a combinación de autores e autoras que, aínda escribindo en inglés, castelán, galego ou portugués, manteñen a esencia do verso.
Os poemas máis transgresores e revolucionarios conviven con aqueles outros nos que os sentimentos seguen sendo a parte protagonista, e precisamente nesa variedade é onde reside a maxia de Latexo Beat. Coa forza das palabras e das sensacións, sentimos que o noso corazón late con diversos movementos.
Sei que o adoito dicir a miúdo, pero é un libro evidentemente moi necesario, pois indaga nunha chea de temas que nos interesan a tod@s e dos que deberiamos participar nalgún momento. A realidade que nos apreixa é o caldo de cultivo dunha gran parte dos poemas que aquí atopamos, o que non deixa de ser ben significativo, ao defenderse a función social e de denuncia coa que dende sempre contou a poesía.
Velaquí algúns dos versos soltos que máis me gustaron da antoloxía, e longa vida a esta iniciativa. Por moitos máis Kerouacs.
Ollos, de Antonio García Teijeiro:
“Ollos das pombas feridas,
Ollos limpos, meiguiceiros,
Ollos que aluman carreiros,
Ollos de olladas perdidas.
Hai moitos ollos na terra,
Ollos ollando as olladas
Doutros ollos e as moradas
De tantos ollos que berran”.
Coordenada, de Carmen Quinteiro
“He pasado demasiado tiempo
Buscando en los demás,
Pidiendo un cómo me ves
Un dime quién soy;
Reclamando fuera identidad, contorno y perfil
Donde lograr cobijar mi relleno”.
Nosotros, de Javier Gallego Crudo
“Nosotros
Que nos creíamos invencibles hasta que fuimos
Derrotados
En una oficina del paro, eternos hasta que firmamos
El primer contrato temporal”.
Ficha técnica
VVAA
Ano de publicación: 2017
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 153