“Antes de nada, le os clásicos”. Esta frase seguro que a escoitaron algunha vez antes de comezar coa lectura de calquera obra “moderna”, ou mesmo ante a afirmación de que unha novela rematada de ler, aínda quente, era maxistral e inigualable. A novela avanzou, deu un salto inmenso co Quixote, e creceu como modelo de narración. Pero o xerme de contar o visto, de facer un relato do acontecido para sobrevivir ao paso do tempo está aí, na antigüidade , nos sabios gregos, nos eruditos romanos. Non é bo deixar de mirar ese modelo, por iso a invitación desta ocasión, por iso a Ilíada, por iso a perspectiva que nos dará o vello Homero.
Homero escribiu, entre moitas obras, dúas que destacan pola súa calidade, descrición do mundo antigo e espírito avanzado: A Ilíada e a Odisea. As dúas son fitos históricos no longo paseo da literatura, as dúas icónicas, auténticas cartas ao futuro, fiestras dende as que asomarse a un pasado glorioso onde se forxou toda a nosa identidade, dende a lingua ata o pensamento.
A Iliada conta polo miúdo as causas que levaron ao desencadeamento da Guerra de Troia, o asedio á cidade e o famoso ataque final (pensado por Ulises) co fermoso cabalo e o engano mortal. Pódese pensar en que o autor é un narrador parcial, que o é, que as descricións están atormentadas (como todo o desa época) polo terror aos caprichos dos deuses, que tamén, pero é imposible subtraerse á narración da epopea, heroica, que fai, á abordaxe dos personaxes, as figuras que en verdade se converten os homes e mulleres que nomea. Todo é tocado por un halo fantástico, de eternidade, non busquemos imparcialidade, atopemos feitizo polo apaixonamento, tentemos facer unha segunda lectura máis fría e profunda. As personalidades son estudadas con profusión, os caracteres postos a proba, a valentía e o arroxo destacan nas filas dos heroes. E todo isto cos deuses danzando e movéndose ao seu antollo entre os mortais, mandándose mensaxes codificadas para seren interpretadas como ventureiras ou catastróficas. Todo para atoparnos no que á fin é toda guerra, dende sempre, xa fose feita con armas de madeira e ferro forxado ou con avanzadas tecnoloxías: realidade crúa, fame, sangue, area e sufrimento. E sempre afloran os mesmos interrogantes: quen nos puxo aquí? Quen somos nós neste conflito de intereses? Como chegamos a isto? As mesmas preguntas que asaltan a calquera soldado en calquera guerra ao longo da historia.

Case sempre, neste mesmo espazo, comparamos a obra estudada coas súas contemporáneas, buscamos paralelismos, influencias, movementos. Aquí é imposible. Isto é a orixe. En moitas das edicións da Iliada aparece un pequeno resumo no comezo de cada canto (ou capítulo), moi útil para saber descifrar certos aspectos máis específicos da idade da que se fala. En todas as edicións da Iliada aparecen sinalados os versos, malia que se nos achegue en prosa, xa que non debemos esquecer que a inmensa obra é un poema eterno e perfecto para que as xeracións vindeiras, todo o pobo grego, coñecese a grandeza do seu exército, o valor dos seus homes, pola tradición oral, polos cantares de cego, pola rima exemplar e sonora da fazaña helena. O feito de ser un poema enorme non fai máis que engrandecer o talento do escritor, que ademais diso fai, nun dos capítulos máis áridos pola súa falla de acción, unha listaxe completa e precisa de todos os xefes das diferentes guarnicións do exército apostado ante as murallas poderosas da cidade; e nesa lista inclúe información sobre familia, liñaxe, orixe e características físicas e técnicas. Todo un estudio antropomórfico feito fai máis de dous mil anos. Todo un berro cara ó noso coñecemento. Non deixen ese capítulo, léano malia a súa extensión e feitura, agradecerano.
Por si fose pouco, tamén se nos mostra, ademais dos coñecidos protagonistas (Aquiles, Patroclo, Héctor), cantidade de heroes mortais como o impoñente Ajax ou o auténtico Ulises, inspirador, prototipo de home da antigüidade, bo na loita, culto, intelixente, amante da súa muller e a súa terra Itaca e, por enriba de todo, cabal: quere rematar a guerra, quere deixar de matar, quere entender os motivos que o levaron a estar nesa situación e non alcanza a coñecer. É un humanista, un Homero en batalla. Que mellor que retomar a Odisea para coñecer máis a fondo ese home e ese mundo fantástico? E se despois seguimos coa Eneida e pechamos o círculo? Fagámolo, sentemos as bases do noso ler, tomemos distancia. Collamos un libro de mitoloxía grega e leámolo aos nenos. Mellor escola non hai.
(Artigo de Juan Parcero, escritor moañés)