“Foi lendo a ese gringo cando me din conta de que quería escribir”. Nestes termos refírese a Faulkner GG Márquez nas súas memorias Vivir para contarla. E que a influencia do sureño escritor americano, Nobel de literatura, xenio incontestable, sobre a moderna literatura sudamericana é fundamental. Dende Gabo ata MV Llosa pasando por Borges, todos respiran e plasman a realidade fixándose no mestre, no definitivo transformador das técnicas, os temas e a estrutura da literatura inglesa do século XX. Igual que Proust, Woolf ou Joyce, Faulkner é un esteta con alma de malabarista, un iluminado para a arte de contar historias da maneira máis rompedora pero eficaz, máis innovadora pero moderna. Alan Moore, criador de novelas gráficas de referencia como V de vendeta ou Watchmen, cambiaba a realidade facendo aparecer verdades paralelas, mundos simultáneos ao noso para dar cabida a todos os seus demos.
Pola súa banda, Faulkner cría un mundo á súa medida, un lugar no sur de USA, o mítico condado de Yoknatapawa, onde fai danzar familias enteiras, castes, personaxes que aparecen en diferentes novelas xa sexan como protagonistas ou como meros elementos de transmisión de cada espanto, gloria ou recanto inhóspito da alma humana que flotan no maxín do escritor. Preso pola relixión católica, as intensas costumes arraigadas e alleas do seu pobo natal, coñecedor de cada complexo, sentimento de culpa ou medo de cada ser humano, Faulkner senta bases fundamentais dignas de estudo, xa sexa no fondo –libre fluír do pensamento, universalidade dende a localidade- ou na forma –múltiples puntos de vista, saltos espazo temporais-. O ruído e a furia condensa todo á perfección.
O RUÍDO E A FURIA
Cando se toma nas mans un libro como o que recomendamos é preciso desprenderse de calquera comparación, entrar na lectura libre de prexuízos, ceibe de limitacións técnicas ou estilísticas: o que imos ler non se parece ao lido con anterioridade nin se parecerá nada do que leremos no futuro a obra de tal calado. Son moitos os factores que fan única esta novela dende o punto de vista formal. Para comezar, o narrador de cada capítulo é diferente, é dicir, carecemos dun narrador fixo, omnisciente, para tratar de entender a decadencia e destrución dunha liñaxe enteira de terratenentes da América máis fonda. Aínda máis complicado resultan os saltos temporais e a escaseza de referencias que nos axuden a engarzar cada parte coa seguinte. Atopamos que o primeiro capítulo é o contado por un deficiente mental, maltratado e cunha percepción do que o rodea chea de simbolismos e intuicións, onde o tempo e o espazo únense dunha maneira totalmente diferente á do resto das personaxes. O pecado, a culpa e a dor ocupan boa parte do seu, por veces, incomprensible discurso. A maneira na que Faulkner “interpreta” o libre fluír do pensamento de Benjy preséntasenos dunha forma sinxelamente asombrosa, xenial. As seguintes partes son máis sinxelas de seguir, pero o uso dunha guía (ver enlaces) faise imprescindible se queremos entender na súa amplitude e fondura tódolos resortes que maxistralmente toca o escritor. Aparécensenos a voluble irmán de Benjy, Candance, vigorosa transportadora do pecado e a sexualidade dende a visión do irmán sensible e afogado pola culpa e o pensamento máxico, Quentin; fálanos coa súa característica e inconfundible arrogancia e soberbia o outro irmán, Jason, mantedor da familia enteira e dono dunha enerxía negativa que o fai irresistible; por último lemos a narración que parece resumir todo e darlle forma ao conxunto, na voz de Dilsey, criada da familia dende o seu nacemento. Cada cal definido polos seus feitos e pensamentos, cada cal mostrado dende o interior, sen descricións físicas pero profusamente expostos no seu máis fondo e claro recuncho propio. As referencias tácitas ou evidentes ao pecado, a infidelidade, o alcoholismo, a perda de poder, a relixión e as Sagradas escrituras, o antigo réxime escravista, a autodestrución, a vergoña social… son tantas e tan ben enxergadas que o sentimento de atordamento, de incapacidade de filtrar todo ese fluxo de información é inevitable. Por iso é recomendable unha posterior lectura, porque os detalles que deixamos atrás na primeira e aparvada reflexión son infinitos.
A novela define ao ser humano, marca pautas de comportamento na lectura posterior, fainos máis abertos cara lecturas complexas, axúdanos a entender centos de autores outrora etiquetados como difíciles. Entender e asimilar O ruído e a furia é comprender a nosa propia idiosincrasia, notar que un sentimento é universal, e que só cambian as estacións ou o lugar no que se conten, axudándonos a relativizar canto nos concirne por unha sinxela razón: xa o escribiu Faulkner fai décadas.
(Artigo da autoría de Juan Parcero, escritor moañés)