O que les na adolescencia márcate durante toda a vida. Hai quen di que nesa idade nos atopamos en plena descuberta de sensacións e que todo o que nos chega non desaparece xamais. Por iso é tan importante que os libros que se seleccionen logren o obxectivo primordial: enganchar aos lectores e levalos a ser autónomos no exercicio da lectura. Neste sentido, eu lembro con moito agarimo aquelas historias de “Los Cinco”, que xa eran dos meus tíos pero que chegaron a min sen caducidade, ou aqueloutras da colección Fóra de xogo de Xerais, que aínda existe e que leva á literatura historias coas que a mocidade se sente identificada.
No panorama actual, no que a miúdo os expertos alertan de que se le moi pouco, é importante facer chegar á rapazada historias coas que eles empaticen, coas que sintan escoitadas as súas preocupacións e sentimentos, sitúase Mentira, a novela coa que a barcelonesa Care Santos gañou o Premio Edebé de Literatura Xuvenil. A historia que aquí se nos conta parte dunha realizade moi crúa: os perigos da Internet na adolescencia. O que pasa tras esta primeira presentación é que o argumento vira totalmente cara outras arestas, facéndonos reflexionar sobre a exclusión social, aínda que sen renunciar a transmitir unha pátina de esperanza.
Xenia é unha rapaza modelo, estuda e cumpre coas súas obrigas. Ela representa a situación ideal ata que un día comeza a falar cun rapaz pola rede e a incumprir os horarios que lle poñen os seus pais. A partir de aí radica a orixinalidade no planteamento do tema, pois a autora xoga co misterio e lévanos a unha historia totalmente diferente á pensada nun primeiro intre, que impactará tanto á mocidade como ás persoas máis adultas. Con todo, e a pesares de que o misterio está ben logrado, o certo é que adolece de certos tópicos e de detalles incluídos como con calzador.
O que é de valorar en Mentira é precisamente a capacidade que ten para chegar ás persoas máis novas e, quizais, transmitirlle esa curiosidade por querer descubrir outros libros. Precisamente chama a atención a referencia que se fai ao Vixía no centeo, obra inmortal de J.D. Salinger, que ten un papel fundamental aquí, motivo que pode levar a que o lectorado se interese pola súa lectura. Por iso, xa merece que digamos : Viva a literatura xuvenil!
Ficha técnica
Título: Mentira (Premio Edebé de Literatura Xuvenil)
Autora: Care Santos
Editorial: Rodeira
Ano de publicación: 2014
Número de páxinas: 240