Dabondo é coñecido que se aprende máis historia coas persoas e cos libros de ficción que cos ás veces mal chamados libros de texto. Cando pensamos que o sabiamos todo sobre as nosas orixes e o pasado, sempre vén unha persoa que nos descobre que non sempre nos contaron a verdade, e que a historia está, en moitas ocasións manipulada.
Pedro Feijoo é vigués de nacemento aínda que na actualidade reside en Barcelona. Consciente das súas orixes, non esquece xamais a cidade que o viu chegar ao mundo, e por iso non é estraño que apareza como escenario das súas novelas. Iso pasou con Os fillos do mar, e tamén con Morena, perigosa e románica, e volve aparecer na súa recente novela Os fillos do lume, unha curiosa reinterpretación e recuperación da historia viguesa, sobre todo da que parte desa falacia chamada Reconquista.
As persoas que vivan en Vigo ou pasasen algún tempo na cidade olívica sentirán un apego especial por esta historia de intriga e misterio e pola volta dos personaxes d’Os fillos do mar, Simón Varela e Mariña Dafonte. Manterá pegados ao libro tamén a todas as persoas que gocen da lectura e dun día de praia acompañada de boas doses de Historia. Un plan perfecto, non credes?
Pois ben, confeso que aínda non lin Os fillos do mar, historia na que coñecemos por vez primeira aos dous investigadores que aparecen nesta, aínda que, como ben me destacou o autor, ámbalas dúas novelas pódense ler de xeito separado e pola orde que se queira.
Os fillos do lume é valente e, atreveríame a dicir, atrevida, pois parte do asasinato do alcalde de Vigo, que se agocha baixo o nome de César Escudeiro. A partir de aí asistiremos a unha investigación por parte dos dous protagonistas e doutra manchea de personaxes actuais e pasados que nos levarán a entender cal foi realmente a historia de Vigo. Realidade e ficción, pasado e presente, únense aquí para crear un argumento moi orixinal que, con todo, non se afasta da crítica mordaz ás tramas de corrupción que tan ao día está na actualidade e que xa existían no comezo dos tempos.
A nova novela de Feijoo incrementa aínda máis o conxunto das obras que teñen a cidade de Vigo e os seus arredores como espazo no que se desenvolve a acción. As rúas, as prazas abandonadas, os edificios antigos dos que apenas se coñece o pasado e as estatuas inxustas constrúen unha radiografía do que a día de hoxe é o mal de moitos lugares: o esquecemento da súa historia. Sen dúbida, esta novela tamén é unha defensora desa máxima que di que “un pobo que non coñece a súa historia está condenado a repetila”.
Ficha técnica
Autor: Pedro Feijoo
Ano de publicación: 2017
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 500