
A existencia é unha traxedia? Ou, talvez, unha comedia? Con estas dúas preguntas comeza Pedro Feijoo a esbozar o argumento da súa novela más cómica, Morena, perigosa e románica, unha volta de torca na súa narrativa xa que, tras Os fillos do mar e A memoria da choiva, nos que o misterio estaba tan presente, o único obxectivo é facer rir ao lector, aínda que como se sabe o humor é algo moi persoal, ao igual que as colonias, xa me entendedes!
O certo é que, tras acudir á presentación deste libro, me sentín tentada máis que nada porque quería cambiar de temática. Eu, que sempre leo cousas relacionadas máis ben coa traxedia, sentinme cobizosa por poder pasar un bo anaco rindo. E abofé que, malia que non escachei a rir, si que me mantiven todo o tempo nun continuo divertimento propiciado pola man de absurdos que Feijoo vai encadeando nesta novela.
Morena, perigosa e románica demóstranos claramente que a vida é mellor tomala coma unha comedia, xa que no medio de tantos despropósitos poderiamos sentirnos afogados se pasamos todo baixo o tamiz da traxedia. Aquí, a Banda Perigo está composta por unha serie de descerebrados, do mellor da sociedade no sentido máis irónico, xa que tanto Miqui Chismes, como Linda Love, Atila Prudencio, Jordi Panerola, ou Dante Odeón, simbolizan distintos prototipos do máis absurdo. Todos os espectros da sociedade están presentes a través destes personaxes tan dantescos.
Basicamente, o que se nos conta é como esta Banda colle a vida polos cornos e decide tomar a xustiza pola súa man ante a inxustiza da crise. Claramente non se nos di isto claramente, senón a través de expresións que non son gratuitas, tales como «ser máis longo que a cola do paro». Pedro Feijoo fala dos seus personaxes coma dunha panda de chiflados que viven no mundo de hoxe e que parece que quedaron atrasados, ou que nunca evolucionaron. As situacións que se describen son do máis cómicas, e os personaxes e os seus nomes tamén. A estrutura da novela pertence ás obras teatrais, e semella que estamos diante dunha representación de teatro xa que Dante Odeón, o narrador e protagonista, nos apela continuamente coa verbas «querido público, deixen que introduza un argumento».
O humor presente na novela é unha mestura intelixente entre a retranca galega, a comedia elegante, as películas de Woody Allen, as comedias dos irmáns Marx, ademais dos libros de Eduardo Mendoza, unha serie de elementos que crean esta «comedia dantesca», que ten como intención primeira facer rir e logo protestar contra a situación actual.
Podemos atopar tamén na nova novela de Feijoo reminiscencias á crónica de viaxes, xa que a historia comeza en Vigo e percorre varios espazos dos que hai amplas descricións con moita acidez detrás. Que a ninguén se lle esqueza que o primeiro fin é facer rir.
«Ás veces non sei quen está máis tolo, rapaz, se nós, que escollemos vivir á marxe das súas leis, ou eles mesmos, obstinados en seguir adiante dentro dun sistema podre que morre e, mentres agoniza, vai levándoos a todos por diante».
Particularmente, quería deixar claro que non foi unha historia que me encantase, pero si que estiven atenta xa que é unha fórmula novidosa para tratar a situación que vivimos. É de valorar especialmente que no medio de tantas novelas e películas que tratan a modo de traxedia esta crise, existan persoas que se atrevan a tomalo con humor. Incluso as referencias á situación catalá, que aquí son un dos temas centrais, como veredes se vos decantades pola súa lectura.
Ficha técnica
Título: Morena, perigosa e románica
Autor: Pedro Feijoo
Editorial: Xerais (tamén en castelán, editado por Versátil)
Ano de publicación: 2015
Número de páxinas: 426