Miguel Sande, autor de "A candidata"
Miguel Sande, autor de “A candidata”

Gravar ou escribir para acreditar que o que nos sucede é real. Falar diante dunha cámara para testemuñar que un día nos ocorreu algo insólito e que cambiou o sentido da nosa vida. Verter os nosos sentimentos diante dun micro, que nos axude a comprender quen somos realmente tras esta crise que nos afoga.

Con este exercicio xoga Miguel Sande no seu recente libro, A candidata, unha novela curta sobre a crise e a violencia machista. Unha historia cun estilo breve e tan impactante coma o disparo dunha bala, que arremete de cheo contra a nosa caluga sen darnos tempo a reaccionar. Acaso non foi exactamente o que fixo a chegada da crise económica en moitas familias?

A candidata foi merecedora do Premio García Barros 2016, convocado polo Concello de A Estrada, e nela a crise proxéctase coma o gran tema detrás do que atopamos as realidades cotiás do día a día. Pero, o que Miguel Sande fai moi ben é explicar con metáforas e comparacións a chegada silenciosa da crise, que chegou coma  un gran naufraxio:

“A empresa –tenta explicar entre fumadas, o cóbado aínda sobre a varanda- quebrara. Ía mal, coma unha nave á deriva, pero a nós ninguén veu rescatarnos. Lonxe diso, náufragos, acabaron por nos afogar. Un barco afúndese rápido, case que no momento cunha vía profunda de auga, pero o naufraxio dunha nave empresarial é lento, vaise prolongando máis e máis no tempo e velo sucederse irremediablemente, só sen ninguén que veña ao auxilio, porque ninguén acode por máis bengalas que malgastes no desespero; ao contrario, semella que aumenten a velocidade para se afastar”.

Vin por aí algunha crítica desta novela que destacaba precisamente a perfección coa que o autor fala da crise e de como esta afectou ás familias da Galiza. Tomo por miña esta percepción, aínda que a novela que temos entre mans é moito máis ca iso. A candidata convértese nun alegato contra a violencia machista (que non de xénero), mais tamén é un canto a todos os loitadores e loitadoras que non se renden e que se ven obrigados a tomar a xustiza pola man, como xa cantara a nosa Rosalía de Castro.

Miguel Sande é herdeiro deses escritores e escritoras que escriben coa intensidade que soamente as oracións curtas poden ofrecer, e por iso os lectores sentimos cos personaxes, e pasamos pola impotencia, o medo a perdelo todo e a non ser nada,  a violencia, a carraxe… Como vedes, breve pero moi moi intensa.

Ficha técnica

Título: A candidata

Autor: Miguel Sande

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2016

Número de páxinas: 127