O xénero negro sempre é mellor canto máis curtos sexan os capítulos, porque a intensidade mantense en doses pequenas que fan que o lector/a estea en vilo desde o comezo ata o remate. Esta sensación é a que temos con Noire Compostela, coa que Blanca Riestra gañou o XVI Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.
Noire Compostela ten dúas características que fan dela unha boa representación do xénero policiaco: capítulos curtos e cunhas oracións curtas que manteñen a intriga de páxina en páxina, e o tratamento dun tema xa de por si ben misterioso.
Publicada entre o 1 e o 31 de agosto, esta estrea de Blanca Riestra en lingua galega, indaga nun tema de candente actualidade: a Deep Web, ese terreo escuro da rede onde podemos atopar de todo, sobre todo cousas malignas, como lle acontece aos protagonistas de Noire Compostela. Dise que o 95% das páxinas web están ocultas, e só son accesibles na profundidade, o que non deixa de ser atraínte.
Lonxe da imaxe que sempre estamos acostumados a ver dunha Compostela bonita e tranquila, nesta novela presentásenos como o escenario dun crime onde se cometen todo tipo de delitos, ata os máis impensables. A autora xoga con nós e con esa idea de que todas as cidades e vilas se poden ver desde o prisma dun policía ou investigador, algo no que é unha experta a sueca CamillaLackberg, creadora da saga dos Crimes de Fjallbacka.
É esta unha historia de detalles, nos que se van dando as claves do que vai ser o corpo dunha investigación un tanto orixinal. Unha linguaxe áxil, con moito diálogo e oracións curtas, e co tratamento dun tema que ben poderá interesar tanto aos máis mozos como ás persoas xa adultas.
E xa sabedes, “todo o que comeza como comedia termina como traxedia”, ou iso se di nesta novela negra que se le dunha tacada, en apenas dúas horas.
Ficha técnica
Autora: Blanca Riestra
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2016
Número de páxinas: 129