Descubrín a maxia da escrita de Antón Riveiro Coello e volvín recuperar a cidade de Compostela na que vivín tantos anos nas páxinas de Os elefantes de Sokúrov. Explícome, deixei xa fai uns anos a Cidade do Apóstolo, na que tantos e bos momentos vivín e á que volvo cada certo tempo, ben sexa fisica ou imaxinariamente. Pois ben, Compostela resulta sempre unha cidade inspiradora, e dela parte o autor limián para crear unha obra sobre a memoria, e na que atopamos continuas e ben claras descricións desta terra tan marabillosa.
En cada unha das letras vemos maxia, palabras que encaixan á perfección nunha historia que é en realidade moitas historias, nas que se mesturan as referencias á cidade, á lingua galega, á memoria, ao amor e ao sexo, á vellez, á crise económica, ao suicidio, á culpa, á arte, á relixión, ao paso do tempo, ao peso da morte… Os elefantes de Sokúrov consta de moitas arestas, de pequenas historias que se desenvolven paseniñamente ata precipitarse nun final sorprendente.
“Encántame o idioma e Compostela tamén está edificada sobre el, e iso fai que a percepción que eu poida ter da cidade sexa moito máis completa a través das palabras que a acariñaron durante anos. É unha lingua apegada á pel, ao alento, á alma dos que viven e viviron aquí. Miro de comprender a cidade coma un pracer mítico, intelectual, e o idioma tamén forma parte dela. Gusto do galego, a súa resonancia esgotada e melancólica que o envolve todo nunha saudade antiga, escura coma unha oración”.
As referencias á lingua propia e á querenza da mesma atópanse sempre insertas nunha cidade que ten un aquel de nostalxia, de lembranza do pasado, de reflexión sobre o bo e o malo das nosas vidas, e sobre o peso que xogan as coincidencias.
Os elefantes de Sokúrov é xa unha das mellores novelas que lin en galego, porque fala de temas que hoxe nos preocupan a todos e todas, pero tamén pola súa capacidade de evocar espazos comúns, lugares que se describen desde a memoria emprestada, desde ese ollar que ve os acontecementos e vivencias propios dende as lembranzas dos outros. Aí reside a maxia de Riveiro Coello, que é quen de combinar moitas voces e intercalalas para que unhas expliquen as outras.
“Ás veces penso se eu rematarei así, sendo un vello solitario, sen familia nin máis compaña ca os libros e algunha película rara que xa ninguén quererá ver comigo”.
A cita anterior é moi paradigmática para entender cal é a sensación que percorre todo o libro: a dunha sinceridade que nos fai tremer, e máis cando fala de temas tan humanos e tan á orde do día. Bravo Antón Riveiro Coello, por facer poesía das cousas e sentimentos grises, pero sobre todo, grazas por darlle a Santiago de Compostela unha voz protagonista que só escoitamos os que amamos esa chuvia que empapa as súas pedras.
Ficha técnica
Título: Os elefantes de Sokúrov
Autor: Antón Riveiro Coello
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2016
Número de páxinas: 405