Francisco Castro, autor de "Amor é unha palabra coma outra calquera"
Francisco Castro, autor de “Amor é unha palabra coma outra calquera”

Un breve comentario de por que me gustou tanto Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro

“Pero hoxe descubriu A Frase. Hoxe revelóuselle una Verdade Absoluta: Amor é só una palabra, Nada máis que una palabra. Coma calquera outra. Non pode ser un lugar, una realidade, un algo. É una palabra coma outra calquera, poñamos por caso, como gato, caixa, botella, mais tamén como liberdade, felicidade, esperanza. Hoxe é moi consciente diso”.

Certo que o amor é unha palabra coma outra calquera, como nos di a nova novela de Francisco Castro. É unha palabra que non tería porque ter a importancia que ten se non tivésemos detrás de nós as crenzas do cine e dos libros que outorgan a dúas persoas que se aman unha relación baseada na dependencia, no “non podo estar sen ti”, nesa idea para crer a cegas de que o amor é inevitablemente para toda a vida… a miúdo todos renegamos do amor para sempre, dese amor dependente e sen fisuras, ata que un día coma outro calquera, como lle acontece a Carla, sucede algo que nos leve a darnos coa verdade de fronte e ver que o amor que pensabamos que era unha realidade, non é nin a metade.

Amor é unha palabra coma outra calquera arrinca coa historia dunha muller de corenta anos á que o seu marido abandona tras serlle infiel. A partir de aí, ela bátese coa vida e comeza a reflexionar arredor do que foi a súa ¿relación de amor? con Xabier. E todo o que despois é sorprendente, un argumento a cabalo entre a novela contemporánea, o thriller psicolóxico e un ensaio sobre o amor e a suposta fórmula da felicidade. Francisco Castro non deixa títere con cabeza e mostra a súa vea máis opositora ao mito do romántico, dese amor que na maioría das veces obriga a renunciar a cousas por contentar ao outro, co fin, tamén errado, de conseguir a apócema da felicidade, a fórmula máxica que resolva o ideal polo que loitamos dende que nacemos.

Carla entra nunha espiral de vertixe cara ao seu pasado, e descobre que a meirande parte da súa relación se alimentou de recordos, de tatexos e bicos dun comezo idílico, dos mesmos inicios bucólicos de todos os amores, pero que non basta para soster unha vida e unha convivencia. Ela buscou soños xuntos, mentres ás súas costas Xabier só miraba polo seu futuro. De todo isto, podemos tirar varias conclusións, expresadas nun dos capítulos e que se titula “Os dez mandamentos do amor verdadeiro”. Permitídeme que me tome a licenza de transcribilos:

  1. O refinamento non ten que ver coa paixón.
  2. O nivel de estudos non é garantía de intensidade romántica.
  3. Non recibe máis amor quen máis dá.
  4. Non é necesario saber o que é o amor para gozalo con plenitude.
  5. Pódese vivir o amor dunha maneira marabillosa, aínda que non se saiba nada sobre el.
  6. Aínda que coides merecer o amor, igual non o recibes nunca.
  7. Todo o que se leva escrito sobre o amor en novelas, poemas, películas e obras de teatro, series de televisión e cancións para bailar agarrado, é unha completa estupidez.
  8. Do que se trata é de ter na vida moito sexo e de calidade, a poder ser, con frecuente frecuencia.
  9. Porque copulamos como amamos.
  10. Todo o demais é innecesario e prescindible e literatura romántica da peor.

Neste decálogo resúmese a filosofía do que é este precioso libro, no que as palabras se beben e no que as verdades absolutas que sempre cremos defender se botan abaixo da forma máis sinxela posible. E entón, é este un libro contra o amor? Para nada, é unha historia que demostra que somos seres emocionais, máis que racionais, pero que tamén pon no seu xusto sitio as emocións e sentimentos, case sempre sobrevalorados,  e axuda a calibrar todo o que nos pasa na vida e a ver todo mellor sen as vendas do ‘cursi’. Unha historia esta na que se opoñen dous conceptos tan contrarios como o amor e a morte e que, malia o que puidésemos pensar, encaixan ben o un co outro.

Amor é unha palabra coma outra calquera é, en definitiva, unha historia nas que a respiración parece acelerarse ao ritmo das emocións, conseguidas estas con frases curtas e contundentes nas que o escritor vigués é todo un mestre. Así que, convídovos a que comprobedes a maxia desta novela de amor contra o amor, porque, se ben non é un argumento obxectivo, ás veces non está mal recorrer a el: esta novela encantoume, e xa está.

Ficha técnica

descargaTítulo: Amor é unha palabra coma outra calquera

Autor: Francisco Castro

Ano de publicación: 2016

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 222