Di Fran Quiroga no limiar de Galiza e o decolonialismo que “Galiza é o noso pequeno centro, que á súa vez tamén é periferia”. Desa dupla contradición nace o libro que vén de editar a Fundación Luís Seoane e no que diversos autores e autoras reflexionan sobre un asunto tan complexo e con tantas arestas como o decolonialismo. O obxectivo, tan necesario, non é outro que entender o noso país dende múltiples ámbitos e co fin de comprendelo e emancipalo. Polo tanto, faise aquí unha reivindicación da memoria das colonialidades exercidas dende a nosa nación, pero tamén das que exerceron e exercen contra nós. Porque estamos colonizados pero tamén nos colonizan, e aí se debaten as propostas aquí recollidas, nas que atopamos a voces como Brigitte Vasallo, Mercedes Peón, María Novas Ferradás, Mafe Moscoso, Xosé M. Núñez Seixas, entre outras. Nelas convídasenos a sermos conscientes de como afecta a nosa forma de vida nos recursos do planeta, ou como o territorio inflúe no que somos e na nosa identidade.
Pero que é o decolonialismo? Segundo explican o mesmo Quiroga e Pablo Pesado, “naceu nas últimas décadas do século XX na América Latina sobre un nutrido substrato intelectual que abranguía o pensamento poscolonial, a teoloxía da liberación, as teorías da dependencia estructuras e varias décadas de innovación autóctona en ciencias sociais”. A partir desta base, e tomando como protagonista Galiza, naceron as ideas do Grupo de Estudos Galiza e o Decolonialismo, que pretende estudar a nosa produción cultural dende o punto de vista decolonial e revisar os instrumentos metodolóxicos para detectar en que medida están mediados polo poder do Estado. Porque Galiza atópase no Norte Global, polo que formamos parte do privilexio e “estamos no centro da colonialidade”, mais á súa vez somos unha nación sen estado e relegada moitas veces. O libro móvese na dicotomía continuamente, e neste sentido é unha porta aberta a un debate que está xermolando, pero que busca outra Galiza posible.
Na actualidade hai moitos proxectos que cuestionan o relato oficial e que propoñen contar as cousas dende nunca antes se contaran, como fan na revista Clara Corvelhe ou na Rede Galega de Estudos Queer. Como tamén di a escritora e activista nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie no libro Os perigos da historia única, debemos reivindicar as historias e as culturas individuais, porque a globalización pode facer perigar a identidade dos pobos.
Ficha técnica

Título: Galiza e o decolonialismo
VVAA. Grupo de Estudos Galiza e o Decolonialismo
Ano de publicación: 2023
Editorial: Fundación Luís Seoane
Número de páxinas: 184
Prezo: 15,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
