Hai unhas semanas, a comezos do outono, saín dar un paseíño e senteime a ler un libro. Non era calquera, senón un que levaba para a ocasión porque me prometía reflexións curtas e observar as últimas raiolas de sol dese día. Collín Gaivotas manchadas de petróleo, un libro – diario no que Abraham Pérez comparte con nós pensamentos lúcidos que supoño que recolle en miles de cadernos despois ou no medio de días con rutinas aburridas. Sempre penso iso, que os bos escritores levan miles de follas en branco e bolis bonitos nos petos ou nas mochilas cos que apreixan os seus pensamentos en palabras. Ou que o intentan.
Adoro a escrita deste autor. Xa me conquistara con O paso en falso e agora redescúbroo nestes pensamentos que case podería subliñar todiños e que dialogan coa anterior novela e, sobre todo, co seu personaxes, esa especie de Ulises particular. Fala da lectura e da escrita, pero sobre todo reivindica a banalidade e o aburrimento como sinais de vida fronte a un mundo que vai demasiado rápido e que nos impulsa a camiñar (a correr) no desenfreo. Eu, que adoro ler en horizontal, comparto co autor que acudo ás palabras como forma de vida, e énchome de carraxe cando alguén considera que iso é unha parvada ou unha perda de tempo. Tamén creo que ler non nos fai nin mellores nin peores persoas, pero que si nos axuda na vida (a min, polo menos, as palabras salváronme moitas veces en momentos duros).
Abraham Pérez paréceme un escritor que ten moitísimo que dicir, cun mundo interior incrible e cunha capacidade de observación que admiro. A súa escrita é coidada, cada palabra está posta coma cando os bos xardineiros podan unha planta con mimo e respectando os tempos. Porque penso que só así, observando lentamente, se escriben boas novelas, bos poemas, bos diarios, boas reflexións. Léndoo recoñecémonos, pois é una obra para as que adoramos a lectura e non somos capaces de vivir sen ela. Os chamados letraferidos. Feridos de literatura.
Non é un libro conformista. Máis ben todo o contrario. Nel cheiramos a revolución, sobrevoando nesas gaivotas negras e co petróleo incrustado nas patiñas e nas ás. Mais tamén no manifesto poético titulado “Incursión diagonal”, que se inclúe na metade deste libro e que o autor o utilizou como parte da intervención artística levada a cabo, en colaboración coa galería de arte Néboa, na Fundación Eugenio Granell en maio deste ano baixo o título de “O único que nos sobrevivirá serán os nosos acentos”, dentro do ciclo “A miña peza favorita”.
Ficha técnica

Título: Gaivotas manchadas de petróleo
Autor: Abraham Pérez
Ano de publicación: 2024
Editorial: Menino Morreu
Número de páxinas: 87
Prezo: 12,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
