Atopar a nosa voz

María Fornet, autora de "Las mujeres de la familia Medina"

Nos últimos anos estamos asistindo á publicación dunha gran cantidade de libros que falan de ou dende o feminismo. Un auxe necesario e que pretende acabar con anos de silenzo imposto para as mulleres.

Penso que para que o feminismo desemboque verdadeiramente nun cambio social é necesario que as mulleres perdamos o medo a opinar e dicir en alto o que pensamos a respecto de moitos temas. Que teñamos e defendamos a nosa voz, esa que nos roubaron e nos rouban a miúdo. Parece sinxelo, pero non é unha tarefa nada doada. Aínda así, a psicóloga María Fornet convídanos a facelo no seu libro Feminismo terapéutico, no que nos aprende a traballar a propia voz e a empoderarnos a través dela, para así chegar a ser o que queiramos ser.

Na tradución para o galego de María Fe González Fernández, Feminismo terapéutico é unha obra na que se utilizan as palabras para tentar cambiar o mundo, e primeiramente, as nosas cabezas. Residente en Londres durante seis anos, Fornet ten traballado como directora da formación e o desenvolvemento dunha ONG ao servizo de mulleres, e tamén formou parte do comité dunha asociación comprometida coa violencia de xénero e o empoderamento feminino, onde aplicou os seus métodos baseados no coaching psicolóxico, a psicoloxía narrativa e a perspectiva de xénero. Así que ninguén mellor ca ela para falarnos do necesario que é un cambio de actitude na sociedade, o cal debería partir do noso eu interior, e no que a escrita ten un papel importante.

O libro xermola da experiencia, empuxándonos á reflexionar a través de exercicios que a autora practicou coas participantes dos seus talleres, que se complementan con citas literarias sobre feminismo de mulleres que a inspiraron e a axudaron a ser quen hoxe é, cunha especial predilección por Virginia Woolf.

María Fornet escribe dende a sinceridade e cun amplo coñecemento do pasado e do presente, e por iso nos fala a cada unha de nós animándonos a percorrer o propio camiño. Nese exercicio de sororidade, aparecerán recorrentemente esas voces de mulleres que loitaron, dende diversos campos, á consecución dos dereitos femininos. Conectar, desaprender e avanzar constitúen os tres pasos que a autora establece no camiño da revolución que ela fai con nós, e que, se decidimos principiar, xa nunca esqueceremos.

Ficha técnica

Título: Feminismo terapéutico

Autora: María Fornet

Tradución: María Fe González Fernández

Ano de publicación: 2024

Editorial: Hércules

Número de páxinas: 248

Prezo: 19,50 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.