mundo avanza imparable. A miúdo corremos polas rúas cos móbiles nas mans e os auriculares nas orellas, sen escoitar, case sen ver. Son os ritmos que nos impoñen a globalización e a inmediatez das redes sociais. Pero ante iso, hai persoas que non se resignan e que reivindican outras formas de vivir, máis lentas, demoradas, reflexivas e que conviden ao pensamento crítico. Xavier Queipo é un home que se afast sempre das tendencias, e que vén de publicar un libro que convida a deternos sobre a vida. Titulado Algoritmos, nel atopamos unha serie de anotacións moi persoais nas que comparte con nós, de forma moi xenerosa, a súa descuberta de libros, filmes e cancións, que se acompañan de debates internos cos que conectamos, e tamén coas mudanzas sociais que se foron producindo no tempo no que foron escritas, entre o 2011 e o 2018.
Aínda que o autor foxe da fórmula diarística, o que atopamos aquí son reflexións persoais, algunhas delas moi próximas ao xénero da columna de opinión, pois xérase debate arredor de temas de interese sobre o devir da comunicación e das relacións sociais. Así, el fala da complexidade de defender outras formas de vida máis lentas pero tamén da necesidade das mesmas, ofrece ideas arredor da banalización e da redución do pensamento a fórmulas como o t-shirt, que non deixa de ser un dos efectos máis significativos da eclosión das redes sociais, e non esquece mencionar o perigo de caer nas mensaxes do politicamente correcto.
Queipo, quen ten coñecido moitos países e lugares debido ao seu traballo como tradutor, realiza nesta obra un exercicio de xustiza,pois descúbrenos moitas obras literarias das que menciona a todas as persoas creadoras, tamén e sobre todo ás que fan posible que un libro poida transitar dunha lingua a outra.
Algoritmos é unha homenaxe ás persoas que aman os libros e que defenden a soidade en tempos de maiorías barulleiras. Por iso, e debido á súa construción interna, pode petiscarse de xeito desordenado, ao modo que propoñía Cortázar na súa Rayuela, ou coma se fósemos unhs flâneurs paseando na busca da felicidade. Iso si, resulta especialmente adictivo e cando chegamos á última páxina, de seguro que nos invade unha sensación de querer dialogar co autor a propósito destes últimos anos, nos que a pandemia nos cambiou tanto. Que pensará Queipo? Terá máis notas que se convertan en algoritmos literarios?
Como el mesmo nos adianta, “a vida non para, a cabeciña tampouco, ou sexa que estas notas terán, por forza continuidade”.
Ficha técnica

Título: Algoritmos
Autora: Xavier Queipo
Ano de publicación: 2022
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 168
Prezo: 17,00 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
