Unha biografía sentimental a través do fútbol

“Toda declaración de amor é inxusta, precisamente porque non se pode ser imparcial”. Abraham Pérez compara a eclosión dunha historia de amor coa paixón polo fútbol, e de aí, desa paixón, nace Sacho de seda, unha biografía sentimental arredor do Club Deportivo Lugo, obra publicada pola editora especializada en fútbol Menino Morreu e na que o poeta mestura a experiencia persoal co ensaio.

Sacho de seda é, en primeira instancia, unha reivindicación do fútbol como construtor das identidades dos lugares, trazo que xa puidemos ver con detalle noutras obras da mesma editora, como Máis do que unhas cores, de Ramón Usall, ou Breogan Citadel, de Steve Porter. Pero, sobre todo, o que máis destacan son as lembranzas do autor co seu pai cando ían ao estadio do Lugo para ver eses partidos dun equipo que representaba un lugar, Lugo, que quería ser cidade pero aínda tiña trazos dunha vila. Atopamos aquí eses retallos da infancia de Pérez, das merendas e de como foi medrando esa paixón sen decatarse, e tamén moldeando a súa forma de ser e de entender o mundo.

O libro que temos entre mans non é un compendio de datas arredor do club, senón que recolle unha visión totalmente persoal do autor na que, por suposto, tamén teñen cabida análises diversas e persoais, como a afirmación que fai de que o Club Deportivo Lugo representaba a xente que loitaba e loita por que se lles pague polo traballo. Neste sentido, nós, as persoas lectoras, podemos ir máis alá, e ver que o debate arredor do fútbol é moi complexo, e debemos puxar porque os valores primeiros asociados aos clubs se manteñan. Tamén polo ben dos que virán despois.

Sacho de seda é un título ben fermoso, poético, que insiste nesa dualidade que se dá neste libro, entre a paixón que espertan equipos como o Lugo e o moito que tiveron e teñen que loitar para abrirse un oco no mundo entre tanta espectacularización do deporte. O libro cumpre co que pretende ser, aínda que a súa excesiva brevidade, fai que nos quede coxo, que queiramos máis, pois o autor bosquexa tan só unha parte do que, ao meu modo de ver, daría para si este tema.

Ficha técnica

Título: Sacho de seda

Autor: Abraham Pérez

Editorial: Menino Morreu

Ano de publicación: 2023

Número de páxinas: 56

Prezo: 10,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.