As maternidades dende o feminismo

María do Cebreiro, autora do poemario 'A herba de namorar'

Nos últimos anos produciuse unha eclosión de materiais, ben sexa filmes ou libros, que analizan as maternidades dende a ollada do feminismo, quizais porque nesta nova ondada as mulleres cada día reflexionan máis arredor do que supón ser nais. Estas publicacións feministas nacen como contraposición aos manuais en defensa da maternidade entregada e que supón renuncias para as mulleres, que tamén medraron exponencialmente. A poeta e investigadora María do Cebreiro vén de publicar o ensaio Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza, co que gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021, no que se opón ás súas propias crenzas e, a través da experiencia, cóntanos as súas inquedanzas e cara onde camiñan os estudos sobre a maternidade.

María do Cebreiro escribe un libro lúcido, que se pode ler dende múltiples perspectivas e que foxe do carácter reduccionista dalgunhas publicacións deste estilo que simplemente se centran en si é positivo ou negativo ser nais. Ela enfróntase ás súas propias contradicións e compárteas con nós para, partamos ou non da experiencia, que entendamos a profundidade dun debate que non pode levarse ao branco ou ao negro. E así, o que aquí atopamos é a análise de moita bibliografía a prol ou en contra das maternidades, pero tamén unha análise dende a individualidade, o que fai do libro unha obra que dende o persoal aborda o político, unha das proclamas máis potentes do feminismo de todos os tempos.

Maternidades virtuosas xoga dende o título coa ambigüidade dun tema que sempre polarizou a moitas persoas, sobre todo mulleres. Definido pola autora coma un “libro crítico”, nel tamén atopamos unha carta de amor á maternidade, ese estado da vida que o cambia todo e que nos agasalla “o amor máis grande que é posible coñecer”.

Este libro ten concomitancias con Maternidade fóra de catálogo, de Marga Tojo, un ensaio doutra galega que tamén parte da experiencia para falar da maternidade dende un sentido crítico, pero tamén é herdeiro de moitas reflexións atopadas noutros tantos ensaios sobre o tema, contemporáneos ou da época de Virginia Woolf. Neste senso, María do Cebreiro desborda unha gran cultura sobre o tema pero sen renunciar ao estilo divulgativo e á condensación.

Creo que é unha boa proposta para seguir tirando do fío do feminismo que analiza diversas perspectivas co fin de camiñar cara un mundo máis xusto, mais tamén é un dos mellores exemplos do que debería ser o ensaio: unha proposta que nos formulara preguntas e nos incitara ás respostas.

Ficha técnica

Título: Maternidades virtuosas.Unha crítica aos modelos profesionais de crianza

Autora: María do Cebreiro Rábade Villar

Editorial: Galaxia

Prezo: 16,80 €

Número de páxinas: 162

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.