As raíces que levamos connosco

“Porque as raíces non fican, as raíces non permanecen enterradas en ningunha terra, nin sequera existen. As raíces lévalas contigo sempre, aínda que poida que nunca te decates”. A miúdo penso que falar dun mesmo nun libro é moi complexo, quizais porque corres o risco de escribir dende a nostalxia ou cun estilo pegañento e aborrecido que non acabe de prender nas persoas que te lean, ou quizais porque a vergoña te supere. Esa dificultade é tamén a que fai que me tenten as historias nas que se escribe dende o eu, porque creo na literatura coma nun exercizo que nalgún momento se pode tornar nunha necesidade vital. Así é Coímbra, a primeira novela para adultos de Xosé de Cea, na que se ispe e nos conta a infancia e a adolescencia, e o camiño ata chegar a ser o que é hoxe en día, aínda que ás veces non saiba ben onde está. Nese terreo pantanoso da non ficción xa estivera co poemario Versos para alén da ponte, escrito cando a súa nai estaba no hospital a piques de falecer. Nese momento, imaxino, é cando lle pode vir á mente do autor a idea de escribir sobre o que se vai, sobre esa memoria que se esvaece coa morte dos seres queridos e, concretamente, dos pais.

Coímbra pertence ao xénero da novela de aprendizaxe, tan en auxe hoxe en día, sobre todo cando moitos autores e autoras deciden contar a infancia, os seus pais, un suceso concreto, o pasado. Penso, por exemplo, en José Ignacio Carnero e Ama ou Manuel Vilas e Ordesa ou, na Galiza, Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, ou mesmo Blanca Riestra con Aquí comeza o mar. Pois ben, De Cea somérxese neste océano inmenso e escribe dende as orixes, cun estilo moi poético, coidado ao estremo e que dialoga co poemario escrito en lembranza da súa nai. A partir de aí, do baleiro, o autor confesa que necesita explicar o desarraigo, as raíces, a súa forma de estar no mundo dende unha terra que o viu nacer pero que non sempre identifica como a súa. As rúas de Coímbra, o barrio barcelonés, son as protagonistas desta obra na que se fala, sobre todo, da infancia e do que supuxo a emigración para uns pais que deixaron a terra por un futuro máis prometedor. E no medio de todo iso, as lecturas, as películas, os primeiros amores e a descuberta sexual, que fan deste un libro poliédrico.

Compaxínanse a lectura máis centrada no individuo co ensaio, pois cóntase a cotiandade e tamén se reflexiona sobre moitos outros temas, como o do diñeiro e a capacidade de esforzo das persoas que loitaron por rachar coa pobreza e conseguir mercar pisos, posuír algo de seu. Unha novela valente, de lembranzas case vomitadas, fracturadas, de memoria individual e colectiva, un río de poesía inesquecible.

Ficha técnica

Título: Coímbra

Autora: Xosé de Cea

Ano de publicación: 2023

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 180

Prezo: 17,60 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.