Lobos devorándose entre lobos

Pedro Feijoo volve coa novela "Os fillos do lume"

A realidade supera a ficción. Pedro Feijoo, un dos autores galegos máis exitosos, sorpréndenos cunha novela na que é imposible non recoñecer a persoas reais, persoas de carne e óso que protagonizan a política apodrecida deste país, da Galiza. Ninguén contará a verdade, que mereceu o Premio Xerais 2023, é unha obra poliédrica, na que atopamos a máis de setenta personaxes, que conta o que deberían contar os medios de comunicación: como se tece a corrupción política e as súas relacións cos poderes económicos e sociais. E xa dende o mesmo inicio descubrimos que o que se nos vai narrando non é ficción, polo que a novela proponnos un xogo para imaxinar quen é quen, comezando polo presidente da Xunta, pasando por todo o engrenaxe ata chegar á peza máis aparentemente ínfima. Nada é o que parece aquí, pero ao mesmo tempo sabemos o que vai acontecer, e non se trata de previsibilidade, senón dunha forma de divertirse, porque o libro posúe, a pesar de todo, altas doses de ironía, de xeito que mesmo é un divertimento a súa lectura.

Pedro Feijoo fai unha crítica aos bancos, aos negocios corruptos, e a un sistema que cheira (ou que é) a fedorento. E para iso preséntanos a personaxes que van caendo coma nun xogo de naipes, nunha loita polo trono, algo que se consegue pola forma dinámica e áxil coa que escribe o autor, cun ritmo trepidante que impulsa a lectura, moi apegado á linguaxe audiovisual, dando lugar a un crebacabezas que constitúe a historia do poder na Galiza e a súa podredume.

O xornalista Kapuscinski sempre dicía que os cínicos non servían para este oficio. O xornalismo debe ser contrapoder e contar o prohibido, o que non se quere escoitar. É por iso que aquí temos a Marosa Vega, unha xornalista valente e honesta, cuxa máxima é esclarecer a verdade. Esta personaxe rende homenaxe a todas as xornalistas que ousan contar o que ninguén quere contar, e neste sentido, mesmo sentín que podería protagonizar outras entregas literarias.

Non é estraño xa atopar na literatura galega, ao igual que acontece no resto do mundo, novelas que toman como material literario a realidade política e económica, establecendo un xogo moi interesante co lector ávido de detalles. Véñenme á cabeza, por exemplo, a recente Pazo de inverno, de Alberto Lema, ou Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras. Quizais as novelas son as mellores formas de contar a realidade, de non calar nada, e de aí a forte compoñente social destas obras semellantes entre si, e con moito que esmiuzar.

Ficha técnica

Título: Ninguén contará a verdade

Autor: Pedro Feijoo

Ano de publicación: 2023

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 632

Prezo: 24,95 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.