Ciencia ficción feminista

“As palabras poden mancar, enfermar e mesmo matar”. María Reimóndez é unha autora, tradutora e intérprete galega feminista, que cre no cambio a través da literatura e que escribiu moitas das obras pioneiras no tratamento de temas feministas na Galiza. Penso na mítica novela O club da calceta, que pon no foco as desigualdades e o maltrato que sofren as mulleres en moitos e diversos ámbitos. Aquela obra, que partía da cotidiandade do momento, e que aínda se pode ler hoxe en día con plena actualidade, entronca coas dúas obras de ficción feminista que escribiu estes últimos anos e coas que a autora nos leva do presente ao futuro para propoñer unha reacción inmediata ante a destrución do mundo e das persoas.

A primeira entrega foi Cobiza, coa que gañou o I Premio Literario Pinto e Maragota á Diversidade Sexual e de Xénero, e despois da cal veu Multitudes, que continúa co mundo distópico abordado naquela. Nelas, a autora afincada en Vigo imaxina o mundo no 2050, no que a vida cambia radicalmente e as persoas están separadas cun muro que non se pode cruzar e que as divide entre as que teñen moitos beneficios e as que só se limitan a deber favores. Nese tempo, as que máis valen son as mulleres que poden traer persoas ao mundo, e facer que outras poidan cumprir o que soñan de ter descendencia. Como vedes, nese 2050 as inxustizas actuais lévanse ao estremo, pois o mundo tal e como o coñecemos atópase ao borde do colapso debido á destrución levada a cabo polos propios seres humanos que o van habitando. Aí, nesa hostilidade, habitan persoas que reclaman o seu dereito a ser e a estar, e que loitan por un cambio radical no sistema.

Multitudes, e tamén Cobiza, é unha denuncia das inxustizas, un berro colectivo ante o que estamos a facer co noso ecosistema, pero tamén é unha reivindicación da necesidade que temos de actuar para cambialo. Reimóndez escribe unha historia que nos fai pensar e na que reivindica a acción desde o feminismo e o ecoloxismo. Esta distopía lembra moito a O conto da criada, de Margaret Atwood ou Os xogos da fame, de Suzanne Collins, dúas das historias máis exitosas mundialmente cunha temática similar, e que a autora de Multitudes acompaña con outras referentes do feminismo negro e transincluínte. O resultado é, pois, unha obra que defende a necesidade de rachar co sistema actual para construír de cero un máis xusto, e todo iso botando man dun estilo que nos atrapa de comezo a fin.

Ficha técnica

Título: Multitudes

Autora: María Reimóndez

Ano de publicación: 2023

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 215

Prezo: 18,95 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.