A literatura coma un fío imparable

No país dos mil ríos temos a sorte de contar con outros miles de escritores e escritoras, cos que sentimos unha “fascinación comunitaria: sermos un en moitas voces que, acompasadas, cantan sobre a enramada de cinamomo”. Así describe Rexina Vega o que atoparemos no libro Miño. Antoloxía do relato galego actual, unha proposta ambiciosa que vén de publicar Xerais e que continúa coa xeira do anterior volume, que se titulaba Fisterra.

Consciente da enorme riqueza literaria do país, Xosé Manuel del Caño, escritor e xornalista de Celanova, madurou a idea de crear un anuario que dinamizase tanto o relato curto como a literatura galega. Por iso constituíu a Asociación Amigos do Libro Galego / Artes e Letras, na que botou a andar tres publicacións que pretenden ser unha semente do que temos nas nosas letras. Neste segundo volume atopamos corenta relatos que abranguen dende as temáticas máis realistas a outras máis oníricas e experimentais. Por exemplo, Xabier Queipo atrévese a reflexionar sobre un terreo tan pisado como a propia escrita, e cunha ollada moi novidosa;  Antonio García Teijeiro escribe unha historia contra o fascismo e ateigada de poesía e versos esperanzadores, como é xa o estilo ao que nos ten acostumadas; Lupe Gómez, que é unha das nosas poetas máis ousadas, segue analizando o rural galego dende a súa sensibilidade inconfundible e coa ollada limpa; ou Eva Veiga, que analiza a beleza e o que fica dela nos momentos onde todo semella esnaquizarse, tamén en relación coa supervivencia.

Con esta obra demóstrase que a nosa literatura é capaz de dialogar con todas esoutras historias do mundo, e que non é menor senón que se atopa á mesma altura. A tradición mesturada coa contemporaneirade, os estilos máis habituais con outros máis rompedores e, en definitiva, o hibridismo dos libros. Así mesmo, podemos ler os relatos aquí contidos case coma petiscos a través dos cales coñecemos a forma de escribir dos autores e das autoras, para despois animarnos con outras novelas ou outros libros.

Mentres imos descubrindo as corenta propostas recollidas nesta gran obra pensamos tamén no fermoso que é atopar a voces novas, cunha traxectoria xa marcada ou aínda despuntando, con outras que son xa referentes, e a través das que confirmamos que a literatura é un fío imparable, onde estamos en continua aprendizaxe, tanto as persoas lectoras como as que ousan escribir.

Estamos pois na Galiza, o país dos mil ríos, e tamén o dos mil escritores e escritoras que nos legan as súas letras para que non fiquemos no esquecemento, e lle sigamos mostrando ao mundo que somos o que somos por esta lingua que nos define.

Ficha técnica

Título: Miño. Antoloxía do relato galego actual

Autoría: VVAA

Ano de publicación: 2023

Editorial: Xerais

Número de páxinas: 464

Prezo: 24,95 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no supelemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.