50 anos dunha revolución

Do 9 ao 26 de setembro de 1972, máis de quince mil obreiros da zona de Vigo foron á folga e reivindicaron polas rúas da cidade os seus dereitos laborais e vitais fronte ao réxime franquista. Aquelas semanas estiveron ateigadas de moita tensión, pero trouxeron cambios importantes na lexislación laboral e na organización sindical dos obreiros, ademais de servir de acicate e de referencia noutros lugares da contorna, caso das conserveiras da comarca do Morrazo. Con motivo dos cincuenta anos desa folga, a editorial Galaxia publicou o pasado 2022 o libro Memoria do Vigo proletario. 50 aniversario da Folga Xeral de setembro de 1972, unha obra conxunta na que os autores Carlos Morais, Xavier Moreda, Isidro Román Lago e Anxo Padín analizan o que supuxo este feito e como cambiou a historia do país. O libro constitúe, pois, unha explicación da xénese da folga, da súa evolución e do papel dos sindicatos e dos grupos de obreiros organizados que actuaron como cabezas visibles. A obra complétase cunha serie de conversas con persoeiros que foron protagonistas neses días, como Xesús Chaves Fandiño, de OO Citroën, Guillermo Fontán Feijoo, de USO Ascón, Carlos Núñez, dirixente do PCE, Pilar Pérez Rodríguez, de CC.OO. Álvarez e PCE, e Waldino Varela, de CC.OO. Vulcano e PCE.

As persoas que se acheguen á obra descubrirán este capítulo da nosa historia contado dende diversas olladas, non só a histórica senón tamén a de memoria viva, pois enriquecen moito os testemuños ofrecidos por protagonistas que viviron aqueles días dende as trincheiras. Neste sentido, é un libro moi necesario por canto recolle e analiza un fito da historia galega recente e o reivindica para que sexa coñecido polas persoas tamén máis novas.

Como xa dixemos, o libro é moi potente e necesario, recompila información daqueles días e fáinola chegar de forma divulgativa e amena, fuxindo da linguaxe academicista. Este labor é aínda máis valorable se temos en conta que a prensa da época apenas cubriu a folga debido á ditadura, motivo polo que as análises tiveron que basearse maiormente nas fontes orais e nos xornais dos sindicatos.

Ficha técnica

Título: Memoria do Vigo proletario. 90 aniversario da Folga Xeral de setembro de 1972

Autores: Carlos Morais, Xavier Moreda, Isidro Román Lago e Anxo Padín

Ano de publicación: 2022

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 350

Prezo: 24,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.