O fútbol constitúe un feito social total, pois é un dos principais expoñentes de identidade dun territorio. Así o estableceu o xornalista Ignacio Ramonet no xornal Le Monde Diplomatique, e xa outros escritores coo Eduardo Galeano falaron deste deporte como mecanismos para facer comunidade. O fútbol simboliza a unión entre as persoas habitantes dun lugar, sexa unha parroquia, un concello, unha provincia ou un país, e arredor dos diversos equipos e clubs xermolan moitas comunidades de seareiras. Ramon Usall, licenciado en Socioloxía pola UAB e Doutor en Historia pola Universidade de Lleida, fálanos da vinculación do fútbol e a reivindicación na Europa Occidental no libro Máis do que unhas cores, que vén de publicar a editorial Menino Morreu na colección Bébel.
Usall, experto na análise das relacións entre deporte, historia, sociedade e política, xa comeza explicando na introdución do libro que “son múltiples e diversos os exemplos dos clubs que luciron no primeiro equipamento as cores do país que pretendían representar”. Isto viría a ser, segundo el, “unha demostración evidente de que o fútbol adoita ser un mecanismo de reivindicación nacional para aqueles territorios que cobizan a súa total liberdade”. Así, o libro é unha viaxe por algúns clubs da Europa Ocidental, por lugares como a Galiza, Irlanda, Eurkal Herria, os Països Catalans, a Escocia, Gales, a Bretaña ou Córcega, a través dos que o autor comparte anécdotas arredor do que supoñen os equipos de fútbol. Neste sentido, parecéronme moi interesantes as achegas que fai sobre o Celta de Vigo, club que naceu moi identificado coa nación e cuxa imaxe representa o galeguismo orixinario dos seus seareiros: de feito, loce un equipamento coas cores da bandeira galega e ten unha afección distinguida polas súas posicións galeguistas.
A maiores desta análise sobre os clubs, o libro péchase cunha breve referencia a once futbolistas que destacaron pola súa loita a prol da liberdade dos pobos, e que nos serve para mostrar que existiron figuras vinculadas co fútbol comprometidas cos seus lugares. O libro constitúe, en definitiva, unha proposta que volve ao fútbol orixinario e que o afasta do círculo mediático e capitalista.
Ficha técnica

Título: Máis do que unhas cores
Autor: Ramon Usall
Ano de publicación: 2023
Editorial: Menino Morreu
Número de páxinas: 158
Prezo: 15,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
