Creo no poder transformador das palabras, porque é importante coñecernos ben a través delas para comprendernos. A politóloga galega Luca Chao tamén comparte isto, pois temos necesidade de “transmitir a utilidade e o potencial transformador dos conceptos axeitados”. Baixo esta premisa e cun desexo de ir máis alá nace Feminismo en cen palabras, unha sorte de dicionario para explicar o feminismo e os termos principais que xorden arredor del. Esta publicación xermolou, segundo conta a propia autora, nunha clase de teoría feminista da USC na que ela se estreaba como profesora. O libro que temos entre mans é o resultado dese traballo de introspección propia e compartida, e ten un duplo obxectivo: nomear na lingua galega o feminismo e os termos que se xeran arredor del, e tentar mudar a realidade a través das palabras, sempre co convencemento de ser un convite, unha porta aberta á discusión e a ir máis alá.
Luca Chao explica tamén que é un libro necesario nos tempos que corren porque continúan a espallarse os discursos que pretenden ridiculizar ou banalizar as demandas do feminismo, os que negan as violencias machistas e os que cuestionan os recursos que se destinan a prol da igualdade. Hai un claro retroceso no avance da igualdade, e aí é onde debe situarse este libro, que vén a ser un manual ben clariño no que se explican de forma sinxela termos que a todos e todas nos soan pero dos que non sempre sabemos o significado real. Feminismo en cen palabras é, pois, un dicionario propio que parte de inquedanzas da autora e do que ela detectou observando a súa contorna, e polo tanto atópase en continua construción, porque a aprendizaxe non cesa.
O libro é, tamén, unha chamada á unión da loita feminista, e por iso atende ás moitas realidades xa que, como di a autora, “o 8M é o resultado de diversas loitas sociais que se uniron para reivindicar os dereitos das mulleres. Nel conflúen o obreirismo, o socialismo, o sufraxismo e o feminismo”.
Atopamos aquí palabras en orde alfabética, a través das que se explica o feminismo e as súas vertentes, cunhas definicións que teñen a capacidade de captar a atención de público especializado e das persoas que se queren achegar por primeira vez. De aí que se constrúan dende a sinxeleza expresiva, aínda que sempre complementándoas con referencias a outras autoras, citas, datos económicos etc. E todo iso contribúe á claridade dos conceptos, para que as persoas que se acheguen ao libro xa non teñan excusas para defender unha sociedade máis feminista.
Ficha técnica

Título: Feminismo en cen palabras
Autora: Luca Chao
Ano de publicación: 2023
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 172
Prezo: 18,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
