As que pelexan para que non se faga o escuro

Dicía Paula Carballeira nunha entrevista no Sermos Galiza que o Premio Nacional de Literatura Dramática que vén de acadar supón tamén a valoración de moitas profesionais que levan anos e anos turrando da profesión. Carme Varela sería unha delas, pois ten ás súas costas unha traxectoria vinculada ao teatro e a diversas asociacións, caso d’O sorriso de Daniel. Xa co seu texto As desterradas fora premiada no XXV Premio Álvaro Cunqueiro e no Follas Novas, e agora vén de publicar Faise o escuro, co que gañou o Premio Selic 2022 do Concello de Santiago.

O libro comeza cunha crítica ao teatro nun estilo retranqueiro, pois fálase da súa función, e de como é necesario sacalo do pedestal para achegalo ao público xeral. Esta anécdota reivindicativa dá paso xa á trama principal, que non é outra que denunciar as violencias ás que somos sometidas as mulleres nos diversos ámbitos da vida, tanto no profesional como no persoal. Así, mentres lemos o libro sentimos carraxe e rabia porque esas violencias que se describen seguen sendo moi reais, nunca deixaron de selo, e que hai moitos lobos disfrazados de cordeiros pululando por aí.

Carme Varela constrúe unha historia moi cotiá, na que denuncia o maltrato ás mulleres, que se relaciona coa falta de coidado que temos cara ao medio ambiente e o patrimonio, cunha clara alusión aos proxectos das eólicas que se queren implantar en masa no noso territorio coa conivencia dos poderes políticos e económicos. A obra vai in crescendo, pois comeza cunha denuncia nos cambios das relacións románticas, que dende aparentes nimiedades converten o suposto amor nun calvario. E vaise xerando unha sensación de afogo, de xeito que nun ano e medio a protagonista pasa de estar nunha relación aparentemente tranquila a case ver borrar a súa propia identidade e non saber nin quen é. O espazo íntimo no que se sitúa o fogar e a maior parte da acción vai sufrir pequenas variacións, apenas imperceptibles, pero coas que a autora quere reflexionar sobre as violencias machistas e o implantadas que están aínda na sociedade actual.

O libro, como xa dixemos, pretende denunciar, facernos pensar, e neste sentido relaciónanse a dedicatoria e a cita final, case coma nun percorrido circular, para que nos manteñamos cos ollos ben abertos. A primeira di: “a todas as que pelexan para que non se faga o escuro”. A outra: “como te deixes levar para onde non debes, faise o escuro”. Aí quedan as dúas.

Ficha técnica

Título: Faise o escuro

Autora: Carme Varela

Ano de publicación: 2023

Editorial: Positivas

Número de páxinas: 86

Prezo: 12,00 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.