Pode a vida ser arte?

Lorena Conde, autora de "Velloucas & Minchas"

“Pero agora chegamos e, xa que estamos aquí, ímolo contar co que temos: co corpo, coa palabra, co bidón de gasolina de quen sabe que hai pouco que perder”.

A cultura contemporánea está levando ao límite todos os seus recursos. Pode a arte expresar a vida? Como contala sen pecar de vanidade? Na actualidade son moitas as voces que buscan contar as vivencias da precariedade a través das imaxes, das palabras, do teatro.

Lorena Conde é unha persoa polifacética, que fai mil cousas, e que ten outras miles de inquedanzas, ou quizais tamén é froito desa precariedade que ela analiza nas dúas obras de teatro que se recollen en Festas de gardar. Díptico para a resistencia, que vén de publicar Cuarto de Inverno. Interpretadas orixinariamente na compañía de teatro A feroz, agora podemos ler dúas pezas, “Afterparty” e “Do pracer e da morte”, que son un exercizo de experimentación coa linguaxe e nos que se coce a vida en estado puro, tamén as súas contradicións.

Comeza o libro con “Afterparty”, no que se mestura a cultura popular coas referencias máis ‘culturetas’, convertendendo todo en un, co reggaeton, o perreo e esa festa incesante na que as personaxes reflexionan e se poñen intensas. Como na vida mesma. Aí albiscamos xa dende o inicio unha clara alusión á precariedade que asulaga ás persoas, sobre todo ás máis novas, ás que se lles vendeu a idea de que todo iría ben e que se estudaban terían un bo traballo sen que as expectativas se cumpran. O cansazo dunha xeración, a dos ‘millenial’, é o caldo de cultivo desta obra na que se defende que ata as vidas de merda poden, ou deben, ser arte. Quizais é a salvación ante unha promesa do que aínda non foi, parafraseando a unha das personaxes. Ese fastío existencial contraponse co pracer que se busca a pesar de todo, porque “a alegría tamén é revolución”.

Esa loita entre o pracer e a morte lévase ao máximo expoñente na segunda obra, na que sentimos que o teatro fai a revolución, e na que temos a un grupo de persoas que se rodean nunha reinterpretación da Divina Comedia de Dante, coa pandemia moi presente, quizais porque foi aí cando entendemos esa dualidade entre ser e non ser. Cun ton filosófico, esta peza engarza tamén coa anterior no emprego do humor e do sarcasmo, tras os que subxace unha reflexión sobre o mundo e os cambios .

Ámbalas dúas obras, igual ca todo o traballo realizado dende a compañía A feroz, son poesía pura, versos lacerantes, que queiman, que escocen na pel. Lorena Conde leva a vida á máxima expresión e confirma que si, a vida é parte da arte.

Ficha técnica

Título: Festas de gardar. Díptico para a resistencia

Autora: Lorena Conde

Ano de publicación: 2023

Editorial: Cuarto de Inverno

Número de páxinas: 148

Prezo: 16,50 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.