A poeta Gloria Fuertes defendía a imaxinación e a curiosidade dos nenos e nenas. E por iso observaba o mundo nos pequenos detalles. De aí nace a súa poesía, e dela lémbrase Susana Sanches Aríns para aludir ás súas propias orixes na escrita. Segundo conta en Cinco corujas, de cativa sempre prefería quedar a ler na casa mentres os irmáns xogaban fóra. Desas lecturas vai anotando a vida nun caderno, e neles comeza a prender a chama da escritora que quere contar o que pasa e tamén puxar por un cuarto propio. Cinco corujas é o novo libro desta autora que nos ten acostumadas a xéneros híbridos e nos que se fala da nosa historia individual e colectiva partindo sempre da cotidiandade. Dende o inesquecible Seique, no que se analizaba a memoria do golpe de estado, pasando por Tu contas eu conto e Super Ulex, esta dedicada á mocidade, Sanches Aríns escribe poesía, relato, ensaio, crónica, e sempre indagando nas orixes para ir cara ao presente e albiscar algo do futuro.
Cinco corujas é unha obra que reivindica ás xentes da aldea, ás comunidades que se xeran, e sobre todo ás mulleres que habitaron a infancia da autora e que son un pouco as de todas nós, coma esa veciña inesquecible. Dende a observación máis minuciosa, aquí lemos, maiormente, retallos desa vida e infancia na aldea, pero non dende o bucolismo mal entendido de tantos libros contemporáneos senón dende a necesidade de contármonos nas multiplicidades. Por este motivo atopamos moitos conceptos que nos levan a unha fala e unha identidade en perigo de extinción, como cando alude á “roupa ao clareo” ou a todos eses elementos do ámbito da superstición, se se lle quere chamar así, caso do relato no que recorda esa cor vermella que se prohibía nas escolas nos anos de nenez da autora.
A infancia habitada pola autora non é a mesma que as infancias actuais, pero existen sentimentos que se asemellan. Así, no relato “Chove na casa do probe”, exprésase ben o que supón medrar, facerse adultos, pois un día soñas coa neve, mentres que de maior te conformas coa chuvia. E iso é comprensible, creo, por todas as xeracións.
Un libro que recolle textos diversos pero no que hai unha idea central que latexa en todos eles: a memoria e os mecanismos para gorecela. A narración das propias lembranzas sempre está mediada polo paso do tempo, e a autora é consciente diso. Como ben expresa: “Assim viamos a saber que a memoria nao é solida ne liquida. A memoria é gasosa”.
Ficha técnica

Título: Cinco corujas
Autora: Susana S. Aríns
Ano de publicación: 2023
Editorial: Através
Número de páxinas: 100
Prezo: 14,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
