Cando aínda Chévere non era Chévere, xa existía a semente do que farían despois: alimentarse das sinerxias, permitir que o teatro fose accesible a calquera persoa, rebotar dunhas artes a outras, a práctica do clown como base do actor ou a importancia da música. Así o define un dos seus impulsores, Miguel de Lira, no libro coordinado por Xesús Ron, que vén de publicar Kalandraka e no que se recollen os trinta e cinco anos de historia dunha compañía que revolucionou o teatro na Galiza e que foi unha alternativa cultural capaz de crear país e de facer cultura de calidade, crítica e cunha gran capacidade aglutinadora.
O libro de Chévere é unha biografía conxunta da vida dos actores e actrices que formaron parte da compañía dende o comezo e doutras que se foron integrando polo camiño, mais tamén das súas vivencias persoais e das anécdotas que rodearon moitos dos espectáculos. A través delas, mentres lemos esta obra sentimos moitas cousas á vez. Para as que non coñecemos Chévere nas súas orixes, este libro é unha necesidade de facer memoria, de non esquecer de onde vimos e o xerme de moitas iniciativas que xorden na actualidade e que lle deben moito a ese grupo espontáneo de persoas que no ano 1987 se xuntaron para facer teatro e para demostrar que o podían levar a calquera escenario e público. Mais, a través deste libro sentimos tamén orgullo do noso, de que unha compañía coma esta teña conseguido éxitos enormes, como o Premio Nacional de Teatro, aínda que sempre sen o apoio das institucións, que seguen teimando en defender unhas políticas culturais que son de todo menos “culturais”.
A publicación desta obra é un luxo, pois constitúe un documento de alto valor histórico a través do que nos van contando as diversas persoas, sobre todo Miguel de Lira, Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo e Xron. Coas súas voces analizamos os feitos máis importantes do país dos últimos anos, pois Chévere participou activamente nas protestas contra o Prestige, e tivo que afrontar dificultades a raíz do peche forzoso da sala Nasa e da pandemia. Coas fotos e documentos gráficos que acompañan esta conversa magnificamente fiada imos (re) descubrindo o carácter humano das persoas que forman a compañía e das súas obras rompedoras e en contacto co mundo que nos rodea.
Eu non coñecín a Chévere cando naceu, pero con este libro sentín moita emoción porque me permitiu saber un pouco máis do teatro no país, desa cultura de retagarda, da supervivencia e do moito que lle debemos aos que nos marcaron o camiño.
Ficha técnica

Título: Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural”
Coordinación: Xesús Ron
Ano de publicación: 2022
Editorial: Kalandraka
Número de páxinas: 297
Prezo: 39,00 €
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
