A día de hoxe, xa case todas escoitamos falar de Patricia Highsmith, unha escritora que destacou polas súas novelas de suspense, pero que tamén escribiu unha das primeiras obras contemporáneas que fala con certeza do amor homosexual. Publicada orixinalmente en 1952 baixo o título d’ O prezo do sal, saltaba á fama a historia de dúas mulleres que se namoran contada por unha voz descoñecida que respondía ao nome de Claire Morgan, e que era o seudónimo de Highsmith, como se soubo tempo despois cando o libro de reeditou cun novo título, Carol. Agora traénolo ao galego Kalandraka nunha tradución brillante de María Alonso Seisdedos que consegue plasmar o ambiente e as reflexións afiadas que ateigan a novela.
Carol conta a historia de amor que xorde entre Therese, unha moza de dezanove anos que traballa nuns grandes almacéns e que soporta a diario o aburrimento da rutina, e de Carol, unha muller madura que recala nesa tenda na busca dunha boneca para a súa filla pequena, topándose con Therese. O destino opera para que estas dúas almas errantes se xunten, xa que, como iremos coñecendo a medida que avancemos na lectura, ambas comparten unha vida apática, e buscan incesantemente a felicidade. Ese camiño, esa historia de amor non estará exenta de perigo, e é precisamente aquí onde a autora pon de manifesto as trabas e os atrancos que atravesaban as mulleres na época, moitas das cales chegan ata os nosos días.
A reflexión arredor da figura da muller é un dos temas máis interesantes desta controvertida novela. Carol ten un marido co que se atopa a disgusto, que a fai infeliz, e aínda así parece non pode fuxir del. O mesmo acontece con Therese, quen ten que facer esforzos por querer a un home ao que tan só ve coma un amigo. Pola súa parte, na historia de Therese reflíctese a imposibilidade de vivir da arte, pois ela é escenógrafa de profesión e está condenada a traballar de vendedora para sobrevivir.
Patricia Highsmith constrúe, pois, unha novela na que se suxire moito ao tempo que se deixa a porta aberta á imaxinación do lector. Non atoparemos demasiadas palabras románticas, senón esoutras que nos levan a ver os desexos de supervivencia das protagonistas nun mundo que non acepta o amor entre iguais. Non é unha grandísima obra de arte a nivel literario, pero destaca polo debate que formula, e pola capacidade da autora para fuxir das etiquetas e escribir unha novela radicalmente distinta.
Ficha técnica

Título: Carol
Autora: Patricia Highsmith
Tradutora: María Alonso Seisdedos
Ano de publicación: 2022
Editorial: Kalandraka
Número de páxinas: 384
Prezo: 18,00 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
