As palabras da desgraza

Cantas palabras son precisas para contar a desgraza? Iso se pregunta Bibiana Candia na novela Azucre, que chega ao galego na tradución de Xurxo Chapela e nunha marabillosa edición de Kalandraka con ilustracións de Xosé Cobas. Nela a autora coruñesa proponnos unha viaxe inesquecible dende a Galiza de 1853 ata Cuba, un camiño que percorreron mil setecentos mozos galegos que remataron sendo vendidos como escravos por obra de Urbano Feijóo de Sotomayor, un galego afincado na illa e que, aproveitando a situación de necesidade dos compatriotas, promoveu unha campaña de colonización branca e a substitución de man de obra africana. O libro narra esta viaxe, ateigada de brutalidade e de humanidade á vez, pois os protagonistas únense na derrota e na incerteza, tal e como nos conta a autora cun estilo moi conciso pero impregnado de realismo máxico, que constitúe un auténtico homenaxe ás palabras e ao seu poder.

A edición de Kalandraka, que chega despois do éxito colleitado polo libro en español, enriquécese aínda máis coas ilustracións de Xosé Cobas, que son capaces de condensar a escuridade e o desasosego deses mozos que deixaron todo para conseguir un futuro incerto. Neste sentido, é un libro de descubrimento, que saca á luz outra das moitas historias da emigración que aínda non se contaran, e que a autora dedica“aos emigrantes que non puideron contar a súa historia e aos que quedaron e nunca recibiron unha carta”.

O máis potente de Azucre é a forma na que está escrito. A autora foxe da típica historia longa e condensa as sensacións en capítulos breves que son case coma poesía, onde cada palabra é imprescindible e onde as frases están podadas ao milímetro. Con iso, o que consegue a autora é que fiquemos engaioladas e que  nos pique a curiosidade por indagar detrás dos feitos históricos reais, o que me parece un elemento a destacar e que só logran os libros verdadeiramente bos.

O libro, cuxa historia é xa de por si moi potente, adquire unha maior relevancia nesta edición ilustrada, erixíndose nun libro – obxecto que fai as delicias das lectoras máis selectas e que tamén o converte en ideal para agasallar. Un moi bo traballo editorial.

Ficha técnica

Título: Azucre

Autora: Bibiana Candia

Ilustracións: Xosé Cobas

Tradutor: Xurxo Chapela

Ano de publicación: 2022

Editorial: Kalandraka

Número de páxinas: 172

Prezo: 20,00 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.