O silenzo imposto. Moitas mulleres quixeron falar no pasado, pero ameazáronas con deixalas sen voz. O coñecemento escocía nunha sociedade retrógada. As ideas molestaban na ditadura e naqueles tempos escuros. Aínda así, algunhas mulleres ousaron ser as primeiras e soñaron con conquistar espazos prohibidos para elas. Ese foi o caso de Carmiña Sierra, considerada a primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, unha institución á que entrou cando tiña tan só 17 anos e estudaba o segundo curso de Filosofía e Letras. Non só foi a primeira muller, senón que tamén tivo a honra de ser a primeira socia. Dende ben nova Carmiña, nada en Pontecesures, mostrou grandes inquedanzas, curiosidade polo mundo que habitaba e unha defensa duns valores humanos que haberían de guiar toda a súa vida, na que atravesou grandes inxustizas: defensa da igualdade social e económica das persoas e a independencia das mulleres sen submisións. Ideas que entroncaban coa súa militancia política, pois defendía o comunismo, o que a levaría a ser depurada do seu cargo de mestra e a pasar unha tempada no cárcere antes do exilio forzoso a Venezuela.
A vida de Carmiña Sierra, como quixo chamarse sempre esta muller para defender as súas orixes galegas, foi investigada por Aurora Marco, un labor moi encomiable e do que naceu o libro Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, que vén de publicar Alvarellos e que nos sorprende porque saca do esquecemento a unha muller descoñecida. Como xa fixera hai tres anos no exitoso As Irmandiñas, Marco combina a documentación escrita de arquivos e bibliografía coas entrevistas orais a familiares e amizades para analizar o que fixo naquel tempo de escuridade e o que supón para o presente. Así, o libro conta como se converte en mestra e imparte docencia nalgúns centros de fóra da Galiza xunto ao marido, Carlos Díaz, co que compartía ideas políticas de esquerdas e tamén da masonería. Precisamente ambos foron obrigados a deixar a súa profesión e volveron á terra natal dela, onde fundaron unha granxa agrícola pioneira en moitos campos e dende a que tamén activaron a loita na clandestinidade, axudando a persoeiros perseguidos polo réxime, para rematar as súas vidas no exilio. A obra, que colle moitas referencias da novela Un señor elegante, de Suso de Toro (Carmiña era curmá do médico Ramón Baltar), é tamén unha análise dun tempo histórico, e por iso conta as vidas das persoas que os acompañaron no camiño, tanto amizades como familia.
Ficha técnica

Título: Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos
Autora: Aurora Marco
Ano de publicación: 2023
Editorial: Alvarellos
Número de páxinas: 228
Prezo: 19,50 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
