A fala única da Illa de Ons

A Illa de Ons foi sempre un territorio do que namoraron moitos e moitas, unha sensación evocada polo propio espazo e tamén polas súas xentes. Precisamente, as persoas que proveñen de aí son posuidoras dun patrimonio inmaterial moi rico: a lingua. Esta foi obxecto de análise da man do bueués José Manuel Dopazo nun estudo no que atopamos moitos testemuños que lle serviron de base para concluír que a forma de falar dos illáns e illás é única, aínda que corre perigo de desaparecer. O libro, que se completa cunha abondosa cantidade de fotos históricas, destaca polo seu carácter divulgativo.

Até aquí podo contar [A Lingua da Illa de Ons] recolle gravacións realizadas a persoas nacidas entre 1915 e 1959, data esta última na que se produciu o grande éxodo dos derradeiros habitantes da Illa de Ons e no que se viron, pois, influídos polos territorios novos aos que foron vivir. Así o conta o autor no contexto previo desta obra á que se poden achegar tanto estudosos da lingüística galega como aqueles que sintan querenza pola illa como espazo humano dunha riqueza inmaterial indiscutíbel.

José Manuel Dopazo leva a cabo un gran traballo de recompilación de testemuños a persoas, que posteriormente transcribe e a través dos que analiza os trazos desta lingua tan diversa, rica e única á vez. Así mesmo, o que nos contan os e as entrevistadas sérvenos como documento de memoria oral, pois aquí nárranse formas de vivir dos illáns e illás, a súa maneira de entender o mundo e mesmo de divertirse. Aí, nestas voces, podemos atopar o pasado, o presente, e desexar o futuro da nosa lingua, anceio que se engarza dunha forma moi fermosa coas imaxes do final do libro, provenientes de arquivos fotográficos tan potentes como o de Gustav Henningssen, Tino Pardellas, e Emilio Araúxo, mais tamén de fontes case anónimas que atesouran nos seus álbumes esa forma de entender un mundo que xa non está, como María do Caño ou María de Barbeiro, e doutras que representan o futuro como Adri Ferrer ou o propio autor.

E máis alá da parte etnográfica, o libro destaca pola análise que fai da fonética e da fonoloxía, da morfoloxía, da sintaxe e da pragmática, a través dos cales, e dunha forma moi dinámica e achegada, Dopazo conclúe que “é momento de facer unha achega dos trazos característicos da  lingua tradicional da Illa de Ons, xa que son os que artellan socialmente todos os demais: históricos, naturais, pesqueiros, culturais…”. É dicir, a lingua que explica como e quen somos.

Ficha técnica

Título: Até aquí podo contar [A Lingua da Illa de Ons]

Autora: José Manuel Dopazo Entenza

Ano de publicación: 2022

Editorial: Chan da Pólvora

Número de páxinas: 140

Prezo: 17.00 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.