Durante moito tempo, e aínda hoxe, algunhas persoas tiveron que loitar contra si mesmas e contra os seus corpos, unha loita inxusta impulsada por unha sociedade machista e que na que a diversidade estivo esquecida. As persoas do colectivo LGBTIQA+ sentíronse, e séntense, nalgúns momentos das súas vidas case como monstros, porque habitaban un corpo que a sociedade non aceptaba e que elas mesmas incluso chegaron a rexeitar. Por iso é importante a busca de referentes, para que as crianzas do presente e do futuro vexan que o que lles sucede non é nada anormal, nin estraño, e que dispoñen de narrativas que as acollan, que as conten.
A narrativa galega, que está tentando reverter tamén as inxustizas históricas, presentou nos últimos anos diversos proxectos de visibilización das distintas realidades LGBTIQA+, como poden ser A defunción dos sexos, de Daniela Ferrández, Memoria diversa, de Eva Mejuto, Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, unha selección feita por Jesús Castro Yáñez, ou Nxs, xs inadaptadxs, coordinado por Daniel Amarelo. Seguindo con este camiño Nee Barros, activista trans e divulgadore cultural, coordina Alguén nos lembrará, Antoloxía de relatos LGBTIQA+, unha obra que recolle quince relatos escritos por persoas novas deste colectivo, como Adrián Gómez Ramos, Alfredo Marques, Ángel Calo, Aranxa Vicens, Blanca Trigo Cabaleiro, Cinthia E. Romero, Malva F. R., Mario Elías, Nee Barros, Noé Alamino, Nuria Vilán Prado, Pablo Rodríguez, Sara Faro, Sica Romero e Xanhe Redondo García.
O libro reflicte as diversas preocupacións que se poden atopar estas persoas e que se anclan nos libros como un bote salvavidas, idea que recolle Nee Barros no limiar introdutorio, no que tamén reivindica que é importante ter referentes nos que atoparse porque, como dicía Safo, “alguén nos lembrará”. As obras son moi diferentes entre elas, algunhas pertencen ao terreo exclusivo da ficción e noutras nótase máis a experiencia persoal; e os xéneros tamén se mesturan, de forma que temos alguns que son relato puro, mentres que outras propostas empregan a poesía, as cartas, os correos electrónicos, ou as fórmulas propias do teatro. Non podemos esquecer que o libro trata en primeiro lugar das realidades LGTBIQA+, pero o que pretende é ser unha defensa da diversidade, motivo polo cal antes de cada relato se advirte das temáticas e contidos sensibles. Polo que podemos ver, o libro é diverso dende a concepción mesma, e cumpre co obxectivo de visibilizar, aínda que se nota unha gran disparidade entre as persoas que se dedican á escrita e xa teñen proxectos literarios e as que se inician.
Ficha técnica

Título: Alguén nos lembrará
Autoría: VVAA (coord. Nee Barros)
Ano de publicación: 2023
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 168
Prezo: 14,50 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
