Case con total seguridade, a día de hoxe pódese afirmar que a globalización ten máis inconvenientes que vantaxes, pois lonxe do que se nos diga dende os grandes medios, o certo é que cada día somos menos diversos e o medio ambiente atópase máis danado polas nosas accións irresponsables. Ante iso só quedan dúas opcións: ou ficar estáticos e ver como o mundo avanza imparable e sen remedio, ou propoñer accións que nos leven ao cambio. 13 editora vén de nacer ao abeiro de ECOAR e que pretende difundir o pensamento crítico e alternativo a través de olladas e discursos de carácter plural. Xa contan con algúns libros e recentemente viu a luz Alternativas ao poder corporativo, no que Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate recolle e analiza unha vintena de propostas para provocar o cambio dende diferentes olladas. Segundo explica o autor, o libro nace dunha fonda e complexa investigación de dous anos, 2015 e 2016, e analízanse trinta experiencias reais en múltiples lugares, fundamentalmente de América Latina e Europa, que demostran a existencia dunha alternativa ao relato imposto de que o cambio non é posible.
O libro que temos entre mans conta cunha estrutura moi académica aínda que non por iso menos divulgativa. De feito, nel explícanse conceptos e póñense exemplos, ademais de engadir un contexto amplo sobre a liña temporal e os lugares dos que se vai falar. A continuación, o groso ocúpano os vinte exemplos prácticos a través dos que se mostra que outro mundo é posible. Entre as achegas a ter en conta, aquí fálase de defender o ben común , propoñer a reforma agraria integral fronte ao acaparamento corporativo de terras, a aposta decidida pola compra pública sustentable, a dignificación e democratización dos traballos de codiado, o consumo menor responsable, o camiño cara unha banca ética, a democratización da comunicación ou a creación de axendas e estratexias situadas fronte ao poder corporativo.
O libro de Ortiz de Zárate e, por extensión a actividade de 13 editora, é novidosa, aínda que se podería unir a todo o traballo de concienciación social e medioambiental que tamén levan a cabo noutras editoras como Catro Ventos ou Kalandraka. De feito, esta liña de publicacións sitúase na responsabilidade social e no interese que espertan estas propostas entre unha cidadanía cada vez máis concienciada e que busca actuar en local para mudar o global.
Ficha técnica

Título: Alternativas ao poder corporativo. 20 achegas para unha axenda de transición en disputa coas empresas transnacionais
Autor: Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate
Ano de publicación: 2022
Editorial: 13 editora
Número de páxinas: 343
Prezo: 20,00 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
