Os relatos constitúen un dos xéneros literarios máis complexos de levar a cabo. Máis difíciles que a novela, quizais porque hai que condensar toda a intensidade nunhas cantas páxinas e lograr sorprender cun artificio final. Fabio Rivas estréase nel con A pintura debida, unha obra que está sendo moi louvada polo público lector, e na que atopamos unha ensamblaxe maxistral entre a tradición e a contemporaneidade, cun estilo propio que bebe de moitos autores, sobre todo galegos.
O libro ábrese co relato que dá título ao compendio, e nel atopamos concomitancias evidentes, moi claras, cos Retrincos de Castelao ou mesmo coa mítica A esmorga, de Blanco Amor, considerados dous clásicos das nosas letras e dos que Rivas se confesa debedor. A historia ten que ver coa vinganza, e nela advírtese sobre como o pasado sempre nos marca e acaba por influír no presente. Na liña desta historia, en maior ou menor medida, camiñan os demais contos, nos que o autor pontevedrés fai gala dun estilo de seu, cunha intriga moi ben manexada e voltas de torca que nos sorprenden, á altura dos grandes contadores. O escritor distínguese por unha mirada nova para falar de temas sociais abondamente tratados anteriormente, como poden ser a violencia ou o peso da infancia nas nosas vidas, e ademais manexa un galego moi rico, con expresións arraigadas aos nosos devanceiros e que el recupera para darlles o lugar que merecen.
Outro dos relatos que sorprende é o titulado ‘O cocho’, no que atopamos unha visión moi visceral da violencia machista a través dun neno que ve por primeira vez a matanza dun porco a mans do home que maltrata á súa nai. Esa violencia tamén está moi presente en ‘Oscurita e os ollos brancos’, relato no que se fala dunha violación, e da dor da aldraxe. Algunhas veces esta é menos evidente, pero pode palparse no ambiente, como acontece en ‘O naufraxio dos homes bos’, historia que analiza a migración dende unha óptica diferente e na que a emoción transpira en cada páxina.
Os oito relatos poden lerse de forma independente, pero para o lectorado máis esixente existe unha outra lectura que se entende cando os analizas en conxunto e ves as relacións entre unhas personaxes e outras. Nelas atopamos un tratamento do rural dende o coñecemento real, e cunha quereza pola tradición e os costumes propios. Será no último relato, ‘Agnes e o peculio’, onde o autor rompe ese estilismo e nos sorprende cunha historia que acontece na actualidade pero que, iso si, entronca co resto do libro a través de chiscadelas que son un notorio broche final.
Ficha técnica

Título: A pintura debida
Autor: Fabio Rivas
Ano de publicación: 2023
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 160
Prezo: 14,50 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
