“Mais nós non pensabamos no paso do tempo nin na perda da inocencia”. “En Santiago, todos estrañamos o pasado, todos acariñamos as feridas do pasado”. Atopo estas dúas citas na novela Anatol e dous máis, a primeira novela de Blanca Riestra que fora publicada en castelán no 1996 e que agora recupera Galaxia na nosa lingua. Nela a autora preséntanos a tres personaxes, Pepe/Anatol, Gustavo e Paula, que habitan na capital galega nos seus anos universitarios, uns anos nos que descobren a vida, e buscan levala ao límite, explotala.
Con capítulos moi curtos, a autora, que é herdeira dunha gran tradición existencialista e posuidora dun ton intimista, cóntanos eses retallos de vidas, nun momento no que os protagonistas queren apreixar todas as sensacións na man, aínda sabendo que todo será efémero e que o perderán no momento no que remate a etapa universitaria.
Anatol e dous máis non é unha novela de crecemento ao uso, aínda que si comparte trazos con elas, pois as personaxes están descubrindo as súas formas de ver o mundo e, concretamente, o amor e o sexo e as converxencias entre ambos. A autora xoga moito con nós, incluso confundíndonos, de forma premeditada, entre o ton serio e o máis humorístico. Os tipos que atopamos nesta novela son pintorescos e estrafalarios, e mesmo se están nun momento de tentar atoparse a si mesmos, chocan coas demais persoas.
Riestra propón moitos experimentos nesta novela, pero quizais o máis interesante é o debate que centra arredor da propia literatura e do seu sentido no mundo. De feito, nun momento da historia un dos personaxes di que “a linguaxe é unha porcallada”, e máis adiante outro recoñece que “ás veces penso que non quero dicir nada e que, como non quero dicir nada, debería abandonar esta maldita teima polas palabras”. Esta evocación do propio oficio de escribir interesa como exercizo literario, pero non pasa de aí. E é que o libro transpira moitas ideas interesantes, pero algunhas delas fican no aire, case sen desenvolver, algo que, polo que imaxino da forma de escribir de Riestra, pode ser algo plenamente buscado dende o principio.
Por último, cómpre destacar que Anatol e dous máis podería lerse hoxe en día coma unha homenaxe aos espazos de Santiago, rúas, prazas e pisos de estudantes, que moitas coñecemos da nosa época universitaria. Polo tanto, vén a ser algo así coma un Santiago que perdemos. Ou unha xuventude de soños que xa non voltará.
Ficha técnica

Título: Anatol e dous máis
Autora: Blanca Riestra
Ano de publicación: 2023
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 148
Prezo: 16,00 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
