O ensino comprometido

A escola tería que ser, segundo Paulo Freire, un espazo para ensinar sobre a vida e para formar futuras persoas. Matino nisto logo da lectura de Areanegra na Casa Encantada, un ensaio de Puri Cabido que me fixo sentir esperanza, porque aí están as mestras coma ela que pensan o ensino non só coma un currículo profesional senón sobre todo vital.

Dende a súa profesión de docente e activista feminista, Puri Cabido fundou e integrou o colectivo Areanegra e a plataforma galega Nunca Máis, que naceron hai unha vintena de anos, xusto naqueles meses posteriores ao desastre ecolóxico do Prestige. Neste libro, que mereceu o Accesit Selic 2022, conta a súa experiencia como parte de Areanegra, e concretamente como foi toda a xestación da cadea humana na Costa da morte e o papel fulcral dos centros sociais autoxestionados no tecido urbano de Compostela e máis concretamente en Areanegra. Así, o libro divídese en dúas partes principais: na primeira faise unha breve introdución ao movemento okupa e como este foi inxustamente tratado dende a opinión pública, ante o que a autora reflicte esa outra cara máis positiva que ten que ver coas oportunidades para as asociacións; e na segunda nárrase o nacemento de Areanegra, na que se integrou profesorado de moitas áreas da Galiza, e como foi xestándose ese movemento humano de oposición á marea negra e as iniciativas solidarias que xermolaron. Neste sentido, a autora destaca o proxecto coma unha forma de impulsar ao alumnado a tomar conciencia do tempo que habitaban e a comprometerse co mundo, loitando contra as inxustizas. Areanegra foi, pois, unha proposta que dinamitou todo, e que instaba a reaccionar dende diversos puntos de vista, como o medioambiental, o feminista, o educativo, en definitiva, o humano. E en todo ese proceso atopáronse con atrancos, sobre todo da Consellería de Educación, cuxos altos cargos entendían que iso era política e que non se debería abordar nos currículos escolares.

Teño trinta anos e o libro é para min un exercizo de memoria necesario, un testemuño dun proxecto co que, como di a autora, “tratabamos de deixar de ser illas nos nosos centros e pasar a ser arquipélagos”. Non participei na Cadea Humana da Costa da Morte, pero ao ler esta crónica sentín que eu estaba aí, loitando e reivindicando a vida. E é que este libro é, por último, un berro contra a morte, contra os que queren soterrarnos.

Ficha técnica

Título: Areanegra na Casa Encantada

Autora: Puri Cabido

Ano de publicación: 2023

Editorial: Positivas

Número de páxinas: 139

Prezo: 15,00 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.