As persoas que falamos de literatura ás veces pecamos de serias, case coma se estivésemos nun funeral. Dámoslles moita importancia a escribir libros, a lelos, a pensalos, sen caer na conta de que poucas cousas hai serias na vida. E a pesar diso, lemos sempre.
Chego a esta conclusión despois de ler A gran novela galega, unha obra na que César Cequeliños, crítico literario e editor, analiza a literatura galega dende o humor, unha proposta moi esmendrellante que interesa sobre todo ás persoas que nos dedicamos aos oficios relacionados cos libros. Despois dunha gran experiencia como crítico literario en medios como o Faro de Vigo ou a revista dixital Biosbardia, e como editor en Aira, César Lorenzo, ou ‘Cequeliños’ como é coñecido no Twitter, escribe unha novela crítica co sistema literario galego, con como se constrúen os premios, o labor dos xurados, a crítica e discutida imparcialidade, o papel dos medios de comunicación, e o poder político. O que podería ser unha novela seria e de queixa convértese, por sorte, nunha ocasión perfecta para construír un argumento coa risa como elemento principal.
A gran novela galega é unha novela retranqueira, na que o autor fai unha análise perfecta do que é o mundo dos libros no noso país, e da debilidade do sistema mesmo, no que pululan premios e máis premios sen que realmente se acabe de asentar o lectorado nin se incremente o mesmo. De todo este presente e futuro desalentadores, Cequeliños fai uso do humor e o resultado é unha obra que se le coma unha farsa, e na que tamén se propón o interesante xogo de tentar adiviñar se o que se conta é real ou sitúase no terreo da ficción, e tamén indagar a quen pertencen as múltiples anécdotas que aquí se atribúen a nomes ficticios.
Creo que é moi complexo facer rir a través das palabras escritas, mais Cequeliños conségueo nesta primeira novela, na que ademais se desvela coma un coñecedor en profundidade do sistema editorial (cultural) galego, das súas eivas e dos retos que temos como sociedade. Ademais da metaliteratura, o autor nado en Arbo despega un estilo moi rico, cun galego moi fermoso e coidado, que é unha característica que cada vez máis cómpre reivindicar.
Ficha técnica

Título: A gran novela galega
Autor: César Cequeliños
Ano de publicación: 2023
Editorial: Morgante
Número de páxinas: 253
Prezo: 20,00 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
