“O meu nome é Nonato González Quintela: Golpe foi o meu alcume, fun testemuña…”
Este comezo, que nos prende na lectura, lembra moito ao d’ A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, e pertence á obra que gañou o XLI Premio de Novela Blanco Amor, titulada A inmoral doutora Cons, cuxo autor é o alaricán Roberto Fernández Álvarez. As casualidades coma estas son sempre fermosas.
A novela conta as aventuras dunha doutora rural na década dos anos 40 na contorna de Arenteiro, unha vila galega, coma tantas outras da época, asolada pola pobreza, o que levaba aos seus habitantes a crer na superstición e a vivir permanentemente asustados e amedrentados polos poderes fácticos do momento, caso da igrexa ou dos caciques . En loita contra iso, aquí atopámonos a dous personaxes inesquecibles: dunha banda, a propia doutora Cons, que chega á vila e vai resolvendo os casos médicos que se lle poñen diante, que moitas veces teñen que ver con tranquilizar á propia veciñanza; e doutra, o propio Nonato, narrador e ollos de todo o que fai esta médica coa que compartiu a vida grazas á oportunidade que ela lle deu para ser a súa man dereita e axudarlle nos asuntos do cotián. A relación entre estes dous personaxes enche de sensibilidade o libro, que se le co mesmo pracer desas grandes novelas de aventuras de personaxes emocionantes.
A novela destaca pola súa fonda reivindicación feminista, pois faise un exercizo consciente por sacar á luz figuras de mulleres que tamén desempeñaban oficios considerados de homes, como podía ser o caso desta adiantada doutora Cons, a cal se enfronta a unha sociedade patriarcal, contra a que ten que demostrar a súa valía e os seus coñecementos continuamente.
Roberto Fernández Álvarez, que xa destacara no xénero do ensaio, demostra nesta novela unha gran capacidade fabuladora, e constrúe un relato que destaca polo vocabulario galego de gran calidade e sonoridade, que é tamén a base das grandes historias, e que nos levan, por exemplo, a autores da nosa literatura como Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou o xa citado Eduardo Blanco Amor.
A inmoral doutora Cons engaiólanos dende a primeira páxina, pois é moi fermoso ir coñecendo á doutora a través da mirada inocente de Nonato, o cal vai tamén medrando e construíndo a súa propia identidade e aprendendo do camiño. Neste sentido, tamén poderiamos estar diante dunha novela de crecemento adobiada, iso si, dun gran coñecemento do rural e cunha intriga que nos vai levando ata un final sorprendente.
Ficha técnica

Título: A inmoral doutora Cons
Autor: Roberto Fernández Álvarez
Ano de publicación: 2023
Editorial: Aira
Número de páxinas: 368
Prezo: 21,90 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
