Se tivese que escoller unha poeta favorita sería Olga Novo, quen me namorou para sempre co seu poemario Feliz Idade, no que fusiona o nacemento da súa filla coa morte do pai. A poética da autora lévanos á aldea luguesa de Vilarmao, na que naceu e que tan presente está en todos os seus versos. Precisamente o que máis me gusta dela é que é quen de mostrar un orgullo sincero polas orixes.
Doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, publica o seu primeiro poemario, A teta sobre o sol, con 21 anos. Tras licenciarse na universidade, comeza a compaxinar o labor literario coa docencia, e entre a súa obra atopamos Nós nus, A cousa vermella, Cráter e, en colaboración con outros autores, Magnalia e Monocromos.
1. O principal trazo do teu carácter? A sensibilidade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A bondade.
3. E nunha muller? A bondade.
4. Que agardas das túas amizades? Nada. Que sexan felices.
5. O teu principal defecto? Son moi despistada.
6. A túa ocupación favorita? Estar coas persoas amadas.
7. O teu ideal de felicidade? A liberdade integral para todos os seres.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Ver sufrir a aqueles que quero.
9. Que che gustaría ser? Alguén que, con pequenos actos cotiáns, mellora o mundo.
10. En que país desexarías vivir? No futuro país da marabilla libertaria, sen fronteiras nin deuses nin amos.
11. A túa cor favorita? A violeta do feminismo, a vermella do amor, a azul do infinito, a verde do campo e sobre todo a cor acastañada dos ollos da miña filla.
12. A flor que máis che gusta? Unha flor silvestre azul cobalto cuxo nome descoñezo e ante a que a miña nai se emociona cando a atopamos ao borde dalgún carreiro da aldea.
13. Que paxaro prefires? Todos, pero o querido corvo delicioso rimbaudiano sempre me pareceu de gran fermosura, sobre todo cando patica sobre un prado branco de xeada en inverno ou atravesando un bosque de néboa.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Tolstoi, as irmás Brontë, Dostoievski, Claudio Rodríguez Fer, Malcolm Lowry, Stendhal, Cortázar, Carmen Blanco, Cervantes, Thomas Mann, Ánxel Fole…
15. E poetas? Entre moitos outros: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Rosalía de Castro, Rilke, Emily Dickinson, André Breton, Walt Whitmann, Lorca, Olga Orozco, Luís Pimentel, Luz Pozo, Uxío Novoneyra, César Vallejo, Antonio Gamoneda, José Ángel Valente, Mohsen Amadi, Rimbaud, Catulo, Dylan Thomas, Iago González, os anónimos dos priapeos, Juan de la Cruz, Pero Meogo, a miña nai e os poetas da vida que nunca escribirán un só verso pero que practican a poesía cada día.
16. Un heroe de ficción? Non me gustan os heroes.
17. Una heroína? Non me gustan as heroínas.
18. O teu músico ou música favorito/a? Xosé Maceda. Suave percusión sobre pel amada.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? O surrealismo e fauvismo en xeral. Os galegos Sara Lamas e Eugenio Fernández Granell, o Bosco e Brueghel, Emil Nolde, o vitalista Matisse, o Gauguin da Bretaña, Turner, Tapies, Frida Kahlo, Maruja Mallo, Remedios Varo…
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Os meus pais.
21. O teu nome favorito? O da miña filla: Lúa.
22. Que hábito alleo non soportas? A maledicencia envexosa.
23. Que é o que máis detestas? A maldade.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Franco.
25. Un feito histórico que admires? Calquera acto de paz.
26. Que virtude desexarías posuír? A curativa.
27. Como che gustaría morrer? Na paz de saber que non lle fixen mal a ninguén ou que puiden axudar a restituír o ben.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? A alegría de vivir.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Aqueles que proveñen da falta de amor.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? A do surrealismo: Liberdade, Amor e Poesía.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
