“María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida”, de Arancha Estévez

“Se vostede non sabe da extraordinaria vida de María Casares, non se preocupe, é algo que comparte con moita xente”. A xornalista Arancha Estévez lembra que no 1997, cando traballaba no xornal A Nosa Terra, un compañeiro da redacción lle deixou Residente privilexiada, un libro de María Casares que fora publicado no 1980 en francés, e anos despois en castelán e galego. A partir desta lectura, Arancha Estévez ficou para sempre prendida da biografía da actriz galega que pasou máis de media vida exiliada en Francia. Esta fascinación, “hai libros que cambian a vida”, foi aínda maior cando descubriu que Casares morrera pouco antes, o 22 de novembro do 1996 sen que puidese entrevistala.

Tras a lectura desa autobiografía de Casares, a xornalista galega púxose a investigar e a ver todo (pouco) o que había daquela sobre esta muller nacida o 21 de novembro de 1922 na Coruña, filla do avogado e político Santiago Casares Quiroga e de Gloria Pérez Corrales. Froito dese traballo, creou unha pequena biografía que se publicou na colección ‘Mulleres’ de Edicións A Nosa Terra, unha colección que pretendía achegar a grandes mulleres ao conxunto da cidadanía. Hoxe en día parece algo moi común, pero daquela supoñía unha tarefa titánica, porque a loita feminista non estaba tan en voga. A biografía sobre María Casares sumábase ás doutras como Maruxa Mallo, Isabel Ríos, María Miramontes, Amparo Alvajar, Syra Alonso, Mariví Villaverde, Placeres Castellanos, María Arauxo, Carolina Otero, Mariluz Morales ou Mercedes Núñez.

Pasaron moitos anos, e agora, coincidindo co centenario da actriz, a editorial Aira vén de dar ao prelo unha edición revisada que se titula María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida, que permite chegar a novas lectoras e lectores os principais trazos dunha persoa que levou o teatro ao seu máximo esplendor, e que estivo fortemente marcada pola experiencia do exilio.

Coa compañía de fotos de Casares en espectáculos que supuxeron un antes e un despois ou con persoas significativas como o escritor Albert Camus, Estévez cóntanos experiencias que forxaron o carácter de Casares e, dalgunha forma, marcaron o ritmo dos acontecementos. Esta biografía serve de porta de entrada, e súmase a todo o material bibliográfico e audiovisual que xermolou na última década, auspiciado sobre todo pola Maison María Casarès, a vivenda situada na localidade francesa de Alloue que a actriz doou para fundar un centro cultural, e que acolle unha ampla programación ao redor das artes e do teatro.e que é todo un referente arredor do mundo, tamén na Galiza.

Recoñezo que, no meu caso, a día de hoxe aínda hai moitos detalles da vida de María Casares que non coñezo, a pesar de que dende cativa lembro escoitar o seu nome en múltiples ocasións. Pero, unha vez máis, as mulleres habitan o silenzo e sitúanse no lado da casa onde as súas voces non son escoitadas. Por exemplo, encantáronme as citas que se inclúen ao comezo de cada capítulo, nas que vemos as arestas de Casares e o seu pensamento sempre avanzado en moitas cuestións, caso da liberdade dende a que entendía a relación con Camus, ou a súa comprensión das vantaxes da vellez. Con respecto a Camus di que “e na comprensión e estima mutuas, orgullosos o un do outro, conduciámonos o un ao outro, dabámonos pulo o un ao outro, e queimabamos cadaquén mellor os días, que xuntos, nos eran dados…”. E da vellez déixanos a seguinte aprendizaxe: “envellecer é descubrirmos a transparencia, queimarnos as fronteiras, fusionarmos os límites, derrubarmos os biombos, dilatármonos, diluírmos o contorno da nosa individualidade para gañarmos unha unidade onde xa non existe a diferenza”.

Un libro que lin co corazón, que serve como porta de entrada a unha figura que cómpre seguir reivindicando, que viviu o exilio na propia pel e que fixo da ficción a súa vida. E se quedades con ganas, recoméndovos moito o documental que se emitiu no programa Imprescindibles.

Ficha técnica

Título: María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida

Autora: Arancha Estévez

Editorial: Aira

Ano de publicación: 2022

Número de páxinas: 99

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.