Asun Estévez naceu en Bueu no outono dun bo ano, tal e como se describe ela mesma. Auxiliar de Enfermería Xeriátrica, escribe dende que ten uso de razón pois é a súa forma de estar na vida e de sentir. Entre os seus libros de poesía atopamos Bicos de sol, Medrar nas mans, Noites, amenceres e algo máis e Pel de muller. Dende o ano 2008 ten participado en encontros e recitais poéticos por toda Galiza e tamén en Portugal, e nas súas redes sociais comparte a miúdo fotografías sobre paisaxes fermosas acompañadas de reflexións.
Coñecémola mellor neste Cuestionario Proust:
- O principal trazo do teu carácter? Entusiasmo e vitalidade.
- Que calidade aprecias máis nun home? A tolerancia, a honestidade e o respecto polo espazo de cada quen.
- E nunha muller? O mesmo.
- Que agardas das túas amizades? Que me queiran como son.
- O teu principal defecto? A impuntualidade, unha batalla constante co tempo. Chegarei tarde ata ó meu enterro, mais ese día xa non será cousa miña.
- A túa ocupación favorita? Escribir, unha boa conversa, soñar e viaxar sempre que é posible.
- O teu ideal de felicidade? Un abrazo do meu fillo.
- Cal sería a túa maior desgraza? Perder ese abrazo. E perder a palabra.
- Que che gustaría ser? Feliz. Nada máis e nada menos.
- En que país desexarías vivir? Gústame onde vivo, pero unha voltiña ou dúas ó mundo non estarían nada mal.
- A túa cor favorita? Azul, verde e amarelo, as cores da vida.
- A flor que máis che gusta? Gústanme todas as flores, pero as silvestres as que máis.
- Que paxaro prefires? As gaivotas.
- Os teus autores/as favoritos en prosa? Non son de devocións, pero si teño prefencias especiais. Neira Vilas, García Márquez, Almudena Grandes ou Saramago son lectura necesaria.
- E poetas? A poesía en si mesma. Todo aquel poema que me faga vibrar e me obrigue a lelo e relelo unha e outra vez.
- Un heroe de ficción? Non son de heroes, pero cando era nena atopaba en Tarzán un aquel: parecíame fascinante, salvaxe, primitivo, puro e libre.
- Unha heroína? Pippi Calzaslargas. Rebelde e auténtica.
- O teu músico ou música favorito/a? Non me podería decantar por ninguén.
- O teu pintor ou pintora preferido/a? Dalí e Lugrís.
- O teu heroe ou heroína na vida real? Calquera que sexa capaz de saír adiante ante as adversidades. Eses son os verdadeiros heroes e heroínas.
- O teu nome favorito? O meu. De nena horrorizábame, mais co tempo cheguei a querelo. Agora mesmo encántame: non podería chamarme doutro xeito.
- Que hábito alleo non soportas? A hipocresía e a vulgaridade.
- Que é o que máis detestas? Non son de odiar. Paréceme un sentimento frustante para quen o sinta, mais si aborrezo algunhas cousas. A inxustiza, a que máis.
- Unha figura histórica que che poña mal corpo? Calquera ditador.
- Un feito histórico que admires? Como a miña nai viúva sacou adiante a cinco fillos.
- Que virtude desexarías posuír? Gústame ser tal e como son, coas miñas virtudes e os meus defectos.
- Como che gustaría morrer? Gozando plenamente.
- Cal é o estado máis común do teu ánimo? Contenta. A pesar de tódalas tormentas nacín con esa predisposición e agardo que non me abandone nunca.
- Que defectos che inspiran maior indulxencia? O medo e os seus derivados.
- Tes unha máxima ou lema de vida? Teño dous: “querer é poder” e “vive e deixa vivir”.