Resúltanme moi interesantes sempre as antoloxías poéticas ou de relatos que nacen cunha temática común, pois aí é onde se observa a variedade de estilos e de interpretacións, e xorde a literatura de forma máxica. Atopo esa maxia n’ O ano do tigre, o novo libro publicado pola editorial Rodolfo e Priscila concibido para celebrar o Ano Novo Lunar Chinés que comezaba o 1 de febreiro deste ano 2022. Segundo describe a editora e escritora Berta Dávila, no limiar, “durante dous meses, as tres autoras e dous autores destas páxinas escribiron os seu textos e concibiron todo tipo de ruxidos. O resultado é O ano do tigre, un libro breve e raro que naceu arredor dunha data exacta – o primeiro día dun ano que empeza- e acabou sendo un lugar atemporal que recolle diferentes maneiras de imaxinar o mundo posible a través da literatura”. E advirte, “quen se achegue a el debe decidir antes de abrilo se quere procurar deliberadamente o encontro con cada tigre ou buscar refuxio entre as súas páxinas”.
Abrín o libro e topei de primeiras co relato de Lucía Aldao, no que fala da amizade dende ese estilo tan próximo á oralidade como valor fundamental e que tanto me gusta. Cunha linguaxe moi fresca e desenfadada, a autora sorprende en cada parágrafo e fainos rir moitísimo, como cando alude ás persoas puntuais e impuntuais:
“Intento non dividir o mundo entre persoas boas e persoas malas, pero se o fago sei que as puntuais estamos do lado das boas, e amólame que sempre teñamos que alterar o noso plan perfecto para que as impuntuais fagan o uso que queren do tempo. Son unha intransixente de manual, si, pero xa só de pensamento”.
Despois de escachar coa risa, continúo con “As Tigresas”, un relato no que Xiana Arias nos sorprende cunha historia a tres tempos e cunha forte reivindicación feminista xa dende o propio título. É esta unha historia con moita riqueza na linguaxe, cunha mestura entre cancións, pinturas, literatura etc.
“Pode unha non querer guerra, ma, pero cando a guerra vén sempre a unha… non hai outro camiño”.
Patricia A. Janeiro é a terceira autora desta compilación e, a través do seu relato “O ano do tigre de ouro” lánzanos reflexións sobre o capitalismo máis voraz e o mundo cada vez máis individualista.
“O tigre de Casanlobo” é a proposta de Carlos Lixó, na que imbrica a tradición máis galega cunha serie de mensaxes moi necesarias hoxe en día.
“A impresión inicial ao arrincar as mazarocas foi que o tacto das follas era estraño, irritante. Como se xamais en todos os seus anos de traballo reparase na aspereza. Como se tomase conciencia nese instante de que o bordo pode cortar se non se evita coa técnica precisa”.
E, por último, pechando o libro, “Algo peor”, unha historia na que Ismael Ramos tece a vida dende un estilo intimista e moi desasosegante.
“Clara deixara a pel enriba, quería sentir o seu cheiro salgado, a súa textura crocante. A pel vella podía marchar en calquera momento cun golpe de vento, pero o que quedase despois daquilo, o seu corpo, ela mesma, que animal se supón que era?”.
Con moitísimas lecturas, con relatos diversos temática e estilisticamente, O ano do tigre sorprende tamén porque é un exercicio fermoso de creación literaria. Non creo que sexa casual que os autores e autoras proveñan da poesía maiormente, e que recalen na narrativa breve, o que dá lugar a creacións moi ricas e líricas, como xa se veu comentando. En definitiva, un libro curioso e que nos ofrece historias orixinais, nas que o tigre aparece de forma máis ou menos intensa para xerar en nós, cando menos, sensacións contrapostas. Desasosego literario.
Ficha técnica
Título: O ano do tigre
Autorxs textos: Lucía Aldao, Xiana Arias, Patricia A. Janeiro, Carlos Lixó e Ismael Ramos
Editorial: Rodolfo e Priscila
Ano de publicación: 2022
Número de páxinas: 105