Adoro a poesía combativa, os versos que conteñen unha munición capaz de facer caer un sistema. Isto obsérvase a miúdo en moitos poemarios que foron escritos ao longo da historia e nos que os seus autores e autoras prenderon a chama da revolución. Porque, estou segura, as palabras poden acender as loitas máis necesarias. Defensora da poesía ateigada de significado letal, Judite Canha Fernandes escribiu O mais difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas, un poemario que é coma unha bomba esperanzadora, como ben o define Arancha Nogueira no limiar que acompaña esta segunda edición que se publica en Urutau, unha das miñas casas favoritas no que a poesía se refire.
“os príncipes
minha querida
fazem branqueamento de capitais”
Os versos anteriores rematan coas historias de amor, e revelan que o capitalismo está detrás dun consumismo tan voraz que fai que a sociedade vaia en tropel ver as luces de Nadal de Vigo, que encha os centros comerciais e as tendas sen permitir o descanso do persoal que nelas traballa, e que tampouco nos paremos a reflexionar nin un só intre na roupa que levamos enriba e na escravitude das mulleres que a cosen. O mundo que habitamos dá moito noxo, é certo. E para sobrevivir, algunhas persoas seguen acudindo ás letras, como a autora deste poemario que leo con moita voracidade, e que volvo comezar, quizais porque necesito que alguén me volva lembrar a importancia de dicir “non” ante este aceleramento que nos deshumaniza.
Atopamos aquí versos que non se agochan, que levan a rabia no seu interior, e que incitan ao cambio ou, polo menos, nos alertan do que acontece mentres nós seguimos coas nosas vidas no mal chamado “primeiro mundo”.
“para quando uma empresa
que garanta
o selo
transnacional
‘livre do suor e sangue de alguém’?”
Non hai espazos aquí para a imaxinación, senón que a autora conta o que pasa pola súa cabeza coma se dunha crónica xornalística se tratar. E aí reside o sentido deste poemario: en que se conta con técnicas propias da novela de non ficción e do xornalismo, de sorte que podemos lela sen maiores complexidades. Así e todo, isto non resta profundidade aos versos que nel atopamos, senón que permite achegalos a públicos non afeitos a ler poesía ou que teñen medo dela.
Cúmprese, así, esa máxima de que o persoal é político, dúas esferas indisolubles que tamén atopamos nas reflexións en verso da autora brasileira
Ficha técnica

Título: O mais difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas
Autora: Judite Canha Fernandes
Editorial: Urutau
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 97
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
