«Diario dun mestre na pandemia» de Santi Domínguez

A pandemia levounos á obrigada reinvención de moitos sectores, como é o caso da educación. Tamén de aí xurdiron testemuños con propostas novidosas, como  as que nos fai Santi Domínguez no libro Diario dun mestre na pandemia, publicado recentemente pola editorial Galaxia. Estamos diante dunha publicación escrita dende a inmediatez pero con reflexións que camiñan cara ao futuro, un futuro que pasa pola dixitalización pero coa obsesión permanente de que “ninguén quede atrás”. Santi Domínguez tomou a pandemia e as clases a distancia coma un reto motivador que o encheu, segundo el mesmo confesa, dunha ilusión desbordante.

O libro conta a experiencia persoal vivida por Domínguez e pola maioría do profesorado cando o 13 de marzo do pasado ano se anunciou o estado de alarma e aínda non dispoñían de noticias por parte da Xunta de Galicia sobre como proceder nos días inmediatamente posteriores. Á incerteza social, o profesorado sumoulle a responsabilidade de ofrecer calma ao alumnado e ás familias que se asustaban ante unha situación que ninguén tiña baixo control e á que nunca nos enfrontaramos antes. Consciente de todo iso, o autor confesa que sentiu medo e ilusión, dúas sensacións que o levaron a actuar de forma rápida e coa dilixencia que se reclamaba del. Realmente estamos educando como debemos? Son tan importantes os contidos? Non será que esquecemos moitas veces que detrás dun nome nunha lista dunha aula hai un ser humano, ás veces con problemas que non somos quen de imaxinar? Esas e outras preguntas foron o caldo de cultivo do que levou ao autor a actuar e a propoñer cambios. Así, o vigués, con máis de trinta anos de experiencia na docencia, reclama a revolución, “a revolución daquelas cousas que nunca están presentes no noso labor, aínda que sexan esenciais para a vida. Hoxe quero rebelarme contra o establecido e sacar de dentro aquilo que está agochado desde hai xa moito, moito tempo”.

Diario dun mestre na pandemia é un relato sincero, que evoca a paixón dun mestre polo seu oficio e que non perde a ilusión por mudar o mundo, un mundo que é mellor “cando camiñamos xuntos”.

Ficha técnica

Título: Diario dun mestre na pandemia

Autor: Santi Domínguez

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 116

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.