Gústame a poesía que evoca sentimentos profundos e, ao mesmo tempo, contén alusións, reflexións, versos políticos. Iso vexo en Interna, o último libro de Oriana Méndez, co que gañou o XVIII Premio de Poesía Afundación 2020, e cuxa lectura supón todo un reto para min, sobre todo porque admiro moito a forma de estar no mundo desta autora, de mobilizarse a favor das causas xustas, e do que é noso.
“Hai unha illa corazón lazareto / sendo aínda hoxe / sudario do océano / territorio que racha a ollada / gasa destinada ao líquido /verdoso sobre as pálpebras / illa de terra adherida á terra / pola carne dos confinados / pasaros de claustro / illa soa e solitaria / en si mesma apartada de si mesma”.
Achégome paseniñamente a estes versos que recollen o interior para explicar o exterior, a medida dos medos, a memoria latente que debemos defender e a historia que nos contaron ao revés e necesitamos vela cunha nova ollada. Neste sentido, a autora viguesa destaca por unha poesía de símbolos agochados, que nos convida a adiviñar o seu significado(s) e nos reta a compartilos, a facelos nosos. Eu tomei o convite de Oriana e deixeime levar por unha literatura na que me atopei cunha busca constante por parte da autora arredor do nomeamento das cousas e do moito que nos custa ás veces expresar a vida con palabras. Expresa esta idea nun verso que seguen aos anteriores e que di “quen di que podo nomeala sen caer?”. Acaso podemos analizar toda a vida, comprendela na súa magnitude e poñerlle nomes a todo o que acontece? Está claro que non e, ante a incerteza, a poesía xorde como unha estratexia para permanecer no mundo cun mínimo de comprensión.
“Concibo despedidas que caen / que se precipitan / hai unha matriz moura / unhas mans esgotadas / ideo unha despedida que se nos / desprende do corpo así / tamén a duna que se desfai / na onda de alento / con este sopro das que viñeron / con pantallas de loito / na larinxe”.
Ficha técnica

Título: Interna
Autora: Oriana Méndez
Editorial: Centro PEN Galicia
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 66