Hai máis de dez anos lembro que só tiña dous libros que me agasallaran por ser a mellor lectora na ESO e no Bacharelato, e eran textos nos que ninguén me orientara e que lía sen saber que me expresaban. Non me sentía representada no que se trataba, ata que coñecín a Ana das tellas Verdes, e descubrín unha nena con carácter que defendía o seu dereito a ser ela mesma. Era unha migalla, e por iso me tivera gustado daquela contar con títulos tan apetecibles e necesarios coma Coraxe, poemas audaces para rapazas afoutas, unha compilación de versos reivindicativos editados por Karen Finneyfrock, Rachel McKibbens, e Mindy Nettifee, e que nos trae agora ao galego Sushi Books na tradución de Eva Almazán.
Estamos diante dun libro fermoso, escrito para as adolescentes, no que autoras como Patricia Smith, Dorianne Laux, Andrea Gibson, Amber Tamblyn, Sarah Kay, Aracelis Girmay e outras moitas, reflexionan sobre o empoderamento feminino, a necesidade de posuír o propio corpo, a creación da personalidade afastada do machismo… Así mesmo, estes poemas teñen a capacidade de verbalizar o sufrimento ao que son sometidas as mulleres polo mero feito de selo, as violacións, o sexo sen consentimento, os abortos e outras moitísimas temáticas que se poden ler desde a adolescencia mais tamén dende a idade máis adulta, pois teñen a capacidade de chegar a todos os públicos.
Din as editoras no prólogo que “o mundo que habitarán e contribuirán a crear as adolescentes non podemos controlalo. Mais se puidésemos darlles un amuleto para que o levasen no peto, ese amuleto sería a coraxe. E pro iso, no canto dunha espada –ou dunha estrada de ladrillos amarelos-, dámoslles un libro. Enchemos as súas páxinas de poemas que sacoden e moven á risa, poemas que compadecen e penan contido; poemas que inspiran e dan o que necesitas para te enfrontar á vida con graza e rixo. Son os poemas que nos había gustar ler a nosoutras cando iamos noviñas”.
Coraxe concíbese, pois, coma un monllo de versos aos que poderiamos aferrarnos cando o sistema patriarcal ameace con derrubar os nosos soños, mais tamén coma un libro esperanzador e do cal botar man cando precisemos nomear o innomeable, a ignominia, o terror, e o ataque aos nosos corpos. Creo que as mozas adolescentes necesitan libros así, cunha poesía que sexa quen de chegarlles á alma e, ao tempo, expresar a necesidade na loita por un mundo máis xusto e igualitario.
Subliñei moitísimos versos, pero se tivese que escoller, creo que quedaría con estes de Fatimah Asghar:
“Ama o que amas
Di: ‘Este é o meu corpo
Non é de ninguén agás de min’.
Este é o meu sistema nervioso,
o meu sangue carente,
as miñas adiccións medio domeadas,
a miña lingua ensarillada
coma unha bóla de luces de Nadal”.
Ficha técnica
Título: Coraxe, poemas audaces para rapazas afoutas
Editado por: Karen Finneyfrock, Rachel McKibbens, e Mindy Nettifee
Tradución: Eva Almazán
Editorial: Sushi Books
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 183